Monday 25 de November de 2024

As persoas maiores volveranse reunir no Xantar de Confraternidade da Pobra


A Pobra do Caramiñal recupera trala paréntese ocasionada pola pandemia a celebración destinada en exclusiva para as persoas maiores de 60 anos. O Concello organiza un ano máis o Xantar de Confraternidade, que agarda reunir un máximo de 850 comensais, segundo anuncian o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra).

Trátase dunha cita para estreitar lazos que terá lugar no 2 de decembro, ás 14.30 horas, no polideportivo municipal de Venecia. O prazo de inscrición abrangue do día 14 ao 29 de novembro e o trámite débese formalizar no primeiro andar da casa consistorial, en horario de 09.30 a 14.00 horas.

O prezo da entrada é de 15 euros por persoa, que se deberán aboar preferiblemente mediante a tarxeta. O menú constará de dous mariscos, peixe, carne, sobremesa, café e bebidas variadas.

As persoas asistentes serán recibidas con música tradicional a cargo de Trécola, mentres que o baile da tarde virá marcado por Puzzle. Ademais, realizarase un sorteo de agasallos doados por empresas colaboradoras.

Para a realización deste xantar, a corporación municipal aprobou no pleno extraordinario do día 27 de outubro un crédito de 40 000 euros con cargo ao remanente da tesouraría. O cátering sairá á licitación nesta semana cun orzamento base de 38 250 euros. Aprovéitase a ocasión para agradece-la achega económica dos negocios que deciden colaborar no desenvolvemento deste evento.