Thursday 21 de November de 2024

A Xunta recoñece o compromiso do concello de Curtis co medio ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da Bandeira Verde de Galicia


O Goberno galego destinará 80,6 M€ en 2023 a accións para preservar os espazos naturais e para apoiar aos concellos na boa xestión dos residuos, na mellora dos espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos

A Xunta recoñece o compromiso do Concello de Curtis co medio ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da bandeira verde de Galicia, un distintivo que busca fortalecer a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

Durante o izado deste distintivo no concello de Curtis, no que estivo acompañado polo alcalde, Javier Francisco Caínzos, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, salientou a iniciativa ‘A vila do mañá’ -un proxecto educativo para concienciar á xuventude sobre a importancia da paisaxe, o urbanismo, a sustentabilidade ou o patrimonio-, como un bo exemplo das accións municipais que valora o Goberno galego á hora de conceder este recoñecemento.

A maiores, o director do IET tamén salientou outras accións desenvolvidas polo Concello como a aprobación dunha Estratexia de sustentabilidade ambiental para paliar os efectos do cambio climático e previr riscos naturais ou a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible no marco do Pacto das Alcaldías.

A Bandeira Verde de Galicia, creada no ano 2020, pretende distinguir aos concellos máis dinámicos no desenvolvemento de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.

Ademais, na aposta do Goberno galego por unha Galicia verde, no ano 2023 a Xunta destinará 80,6 millóns de euros a actuacións para preservar os espazos naturais e para apoiar aos concellos na boa xestión dos residuos, na mellora dos espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos.