O delegado da Xunta na Coruña e o Secretario Xeral Técnico da Consellería de Economía, Industria e Innovación explicaron os beneficios da nova Lei de áreas empresariais
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o Secretario Xeral Técnico da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Pablo Casal, mantiveron un encontro co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, para abordar cuestións relacionadas coa posta en marcha do novo polígono industrial neste municipio.
O rexedor destacou o seu interese por adherirse á rede de concellos emprendedores de Galicia que ten como principal obxectivo trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, neste sentido, fíxase un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta, e amplíanse os supostos para ser iniciativas empresariais prioritarias.
Os representantes autonómicos explicaron que un concello emprendedor colabora coa Xunta na captación de novos investimentos para Galicia. Os concellos ofrecen simplificación administrativa, maiores facilidadades para acceder ao solo empresarial e bonificacións de ata o 95% do IBI, do IAE e do ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación.
A cambio, o Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar o emprendemento e a dinamización económica. Para iso, establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico.
Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.
Trenor recalcou que nestes momentos na provincia da Coruña hai 45 concellos emprendendores e puntualizou que coa nova Lei de áreas empresariais de Galicia refórzase e elévase a rango de lei a figura dos Concellos Emprendedores.
Por unha banda, a Xunta outorga prioridade aos Concellos Emprendedores nas ordes de axuda que se convocan en réxime de concorrencia competitiva para impulsar o emprego, o comercio local ou aqueles proxectos relacionados coa industria. Farase a través dun criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña, polo menos, o 20 % do total a favor das actuacións realizadas por concellos emprendedores.
Por outra, co obxectivo de favorecer a implantación e o desenvolvemento de iniciativas empresariais nos concellos emprendedores, nas convocatorias de subvencións dirixidas a empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro en réxime de concorrencia competitiva, puntuarase que se pretendan implantar ou se desenvolvan nun Concello Emprendedor, incorporando nas bases da convocatoria un criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña entre o 5 % e o 10 % do total.
Nova Lei de áreas empresariais
No encontro tamén se abordaron os avances que supón a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal, que permite axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo industrial. Esta nova normativa entra en vigor mañá xoves, 10 de novembro.
Este documento ten como obxectivo asentar futuro dotando a Galicia de espazos empresariais competitivos, funcionais e totalmente equipados, garantindo o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica.
Cómpre salientar que esta lei era necesaria para poder unificar nun só texto todo o marco normativo; dispor de planificación de solo a longo prazo; facilitar a execución das áreas empresariais por fases, en atención á demanda existente; axilizar as modificacións na ordenación dos parques, e reforzar a xestión e conservación destas zonas industriais.
Para cumprir eses obxectivos, a nova normativa inclúe a creación de figuras como as reservas estratéxicas de solo e os plans estruturantes, que permitirán reducir de 21 a 9 meses a aprobación dun proxecto de urbanización. E, ademais, redóbrase a aposta polos Concellos Emprendedores, dándolle rango de lei a esta figura que conta xa con 152 municipios adheridos e que supón importantes beneficios no eido do emprego, o comercio local ou a industria.
A Lei de áreas empresariais será, a partir de agora, unha norma clave nun momento no que, logo de dous anos de pandemia, é necesario reactivar a economía galega, xerar emprego estable e de calidade, consolidando a Comunidade como un territorio atractivo para que as empresas se implanten.