Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón non está a realizar ningún tipo de enquisa e alerta á veciñanza fronte a unha posible estafa telefónica


O Concello roga aos veciños e veciñas que non faciliten datos persoais por teléfono e poñan a situación en coñecemento das forzas de seguridade

O Concello de Boqueixón informa de que non está a realizar ningún tipo de enquisa telefónica e alerta á veciñanza fronte ao que semella un posible intento de estafa para facerse cos seus datos persoais. Por iso, roga a aqueles veciños e veciñas que reciban este tipo de chamadas que non faciliten ningún tipo de dato persoal e poñan a situación en coñecemento do Concello de Boqueixón (981 513 061) ou da Garda Civil (981 503 051).

O Concello de Boqueixón tivo coñecemento de que persoas descoñecidas se están facendo pasar por empregados municipais coa desculpa de elaborar unha enquisa sanitaria. Trátase dunha estafa telefónica coñecida como vishing na que contactan co veciño/a, normalmente persoas de idade avanzada, e tratan de gañarse a súa confianza para que lle faciliten os seus datos persoais. No caso de Boqueixón, de non conseguiren o número da conta bancaria, mesmo chegan a asegurar que visitarán a vivenda da persoa para entregarlles un material e cobrarlle uns cartos.

A todas as persoas que teñan recibido algunha chamada semellante nos últimos días, o Concello de Boqueixón recoméndalles que chamen canto antes á Garda Civil e acheguen toda a información da que dispoñan para tratar de dar cos presuntos estafadores.