– O Goberno municipal anunciara o comezo das súas actividades en outubro.
– O Concello aprobou a iniciación do proceso de contratación o 28 de outubro, e as empresas aínda teñen até o 14 de novembro para presentar as súas ofertas.
– A día de hoxe descoñécese cando poderán empezar a funcionar.
– Verifícase, unha vez máis, o desleixo e a incapacidade deste goberno municipal para levar a cabo até as tarefas máis rotineiras e previsíbeis da xestión municipal.
Despois de afirmar no Pleno municipal que a demora nas escolas municipais era debido a “un problema nas inscricións” e a “problemas de índole informática”, o Goberno Municipal publicou, o 30 de outubro, a convocatoria para contratar a empresa que impartirá as escolas culturais e deportivas no curso 2022-2023.
Tal e como calquera pode constatar na Plataforma de Contratación do Sector Público (https://contrataciondelestado.es/wps/portal/!ut/p/b0/04_Sj9CPykssy0xPLMnMz0vMAfIjU1JTC3Iy87KtUlJLEnNyUuNzMpMzSxKTgQr0w_Wj9KMyU1zLcvQjg8M9_JyKjZwCnPPygvNDIoyrVA3Myx1tbfULcnMdAVz0WYA!/), o Concello aprobou a iniciación do proceso de contratación o 28 de outubro, publicándose no perfil do Contratante o día 30, e dispoñendo as empresas aínda até o día 14 de novembro para presentar as súas ofertas.
Tendo en conta que aínda se deberá facer unha valoración das distintas propostas e que as empresas poderían ter que presentar documentación adicional, algo habitual en calquera licitación pública, dificilmente poderán comezar as actividades antes do mes de decembro, máxime tendo en conta a axilidade que caracteriza a esta administración local.
Tampouco se coñece aínda o resultado do sorteo das prazas das actividades que o Sr. Alcalde dixo no último Pleno que se ía “realizar nos próximos días”.
Todo isto dá como resultado que unhas actividades que o propio Concello na súa páxina anunciaba que comezarían no mes de outubro (https://www.culleredo.es/node/7602), teñan a día de hoxe unha data de comezo totalmente incerta.
Constátase que a veciñanza de Culleredo non pode agardar nada do actual Goberno Municipal do Sr. Rioboo, incapaz de realizar as tarefas máis rotineiras e predicíbeis da xestión municipal.
O BNG de Culleredo lamenta o desleixo amosado polos responsábeis municipais e fai fincapé na necesidade de conformar unha nova equipa de goberno capacitada para sacar o Concello de Culleredo da parálise na que o teñen instalado.