Friday 22 de November de 2024

María da Pontragha participa este venres no Novembro, mes do Humor con “Coa palabra na boca”


No mes do seu aniversario, o Museo do Humor Xaquín Marín continúa a propoñer tardes de contos e humor como a que organiza para este venres, 11 de novembro, no marco do ciclo “Novembro, mes do Humor”. A protagonista desta segunda sesión, prevista para as 20 horas, será a contacontos María da Pontragha cun espectáculo titulado “Coa palabra na boca”, dirixido a público adulto. Entrada de balde até completar o aforo (100 localidades).

Coa palabra na boca é un espectáculo no que, “a través da palabra e a música de tradición oral, percorreremos historias que falan da xente, do amor, da liberdade e da desobediencia, porque somos un pobo que discrepa e temos unha peculiar forma de enfrontrarnos á vida e á morte”. Historias de disidencias cheas de heroínas que non existen nos libros e heroes sen nome. Historias de vida que beirean a morte e de mortos que volven a este mundo.

María da Pontragha é o alcume de María Iglesias, unha educadora e antropóloga que dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose na recuperación e actualización das historias populares e de tradición oral e cun gusto especial polas historias que se centran nas mulleres do país. É ademais percusionista e vocalista nos grupos Bouba e Lévedo, e vocalista no grupo Sacha na horta.
Trala función deste venres con María da Pontragha, o venres da vindeira semana, 18 de novembro, actuará no Museo do Humor Xaquín Marín o monologuista Oswaldo Digón, con Outra movida.
Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)