Preto dunha vintena de escolares, neste caso de sexto curso de educación Infantil do CEIP A Solaina, desprazouse esta mañá ao Concello con motivo das actividades proxectadas a través do Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, que inclúe un apartado de Coñecemento do Concello a través Itinerarios didácticos na Casa Consistorial . Os menores, acompañados por docentes do citado centro de ensino, visitaron varias dependencias municipais e reuníronse coa alcaldesa, Marián Ferreiro, no salón de plenos.
Os escolares ocuparon os asientos das concelleiras e concelleiros da corporación local no salón de plenos e interesáronse ante Ferreiro por diversas cuestións como o seu traballo como alcaldesa do Concello de Narón e plantexaronlle algunhas cuestións e suxestións para levar a cabo na cidade.
As rapazas e rapaces visionaron no salón de plenos o vídeo “Nara de Narón”, cunha explicación sobre a historia da cidade e as súas parroquias e antes de abandoar o Concello e regresar á aula, fotografiaronse coa rexedora local, quen lles fixo entrega duns agasallos, e tamén no photocall “Ti es a abella Nara”. Un explorador e unha abella de Narón, de nome “Nara”, acompañan aos escolares durante a visita que se realiza de xeito teatralizado.
As visitas deste programa continuarán desenvolvéndose en diversas datas deste mes de novembro con alumnado do CEIP A Solaina, CPR Jorge Juan e CEIP Virxe do Mar.