O Concello de Lousame organiza unha xornada de Marcha Nórdica, que terá lugar o próximo sábado 10 de outubro e que inclúe unha ruta de sendeirismo ás minas de San Finx. Unha actividade totalmente de balde e que inclúe unha clase práctica para aqueles veciños e veciñas que desexen coñecer os beneficios desta modalidade deportiva.
O único requisito para participar é ter máis de 18 anos, xa que non é preciso dispoñer do material preciso que será emprestado ao inicio da actividade. O Concello de Lousame convoca inicialmente 80 prazas para aqueles veciños que non dispoñan material, se ben non hai límite de prazas para aqueles que xa traian o material da casa. As inscricións deben realizarse no Departamento de Deportes do Concello de Lousame ou chamando aos teléfonos 981 82 40 94 e 981 82 57 80.
Visita a San Finx
A xornada comezará o sábado 10 de outubro, ás 9:30 horas, no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra de Lousame cunha presentación dos beneficios da marcha nórdica, un deporte de resistencia e de exercicio ao aire libre que consiste en camiñar coa axuda de bastóns similares aos usados no esquí.
Tras unha primeira clase práctica, ás 10:30 horas os participantes sairán a poñer en práctica os coñecementos adquiridos cunha ruta de sendeirismo en marcha nórdica ás minas de San Finx, a onde chegarán aproximadamente ao mediodía. Tras visitar o poboado e o museo das Minas de San Finx, a expedición iniciará o camiño de regreso cara o polideportivo municipal de Lousame.
A marcha nórdica é unha modalidade deportiva que pon en funcionamento o 90% da musculatura do corpo, mellora e mantén a flexibilidade de quen a practica e diminúe a presión arterial, previndo a hipertensión. Outros beneficios deste deporte é que relaxa a zona do pescozo, ombreiros e costas, axudando a mellorar a postura corporal e o metabolismo das graxas, axudando ao proceso de adelgazamento.