Persoas usuarias das asociacións Aspronaga e Asperga tomaron parte neste proxecto, financiado a través da Fundación Emalcsa na sexta edición do programa ‘Cultura accesible e inclusiva’
O Pazo Municipal de María Pita acolleu esta mañá o acto de entrega de premios ás persoas gañadoras do concurso ‘A Coruña de todos’, unha iniciativa promovida pola Fundación Emalcsa e a Sociedade Filatélica da Coruña en colaboración con Correos.
Este proxecto, executado na sexta edición do programa ‘Cultura accesible e inclusiva’ da Fundación Emalcsa, implica a persoas con asperger e diversidade funcional, usuarias das asociacións Aspronaga e Asperga, e que toman parte nun certame de fotografía e artes plásticas orientado a defender unha visión da Coruña como cidade inclusiva e precursora neste eido con respecto á meirande parte das capitais do país.
Este concurso, plantexado como un exercicio de creatividade e imaxinación, busca promover a participación das persoas membras de Aspronaga e Asperga nas actividades culturais da cidade, difundir a súa perspectiva da Coruña como urbe accesible e, en paralelo e en sintonía cos obxectivos da Sociedade Filatélica, mellorar a experiencia dos visitantes ás exposicións filatélicas e potenciar a súa interese polo coleccionismo en xeral.
A alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, presidiu hoxe o acto de entrega dos premios ás persoas gañadoras, e puxo en valor o compromiso do Goberno municipal co tecido asociativo e as entidades do terceiro sector na cidade, “colaborando para a posta en marcha de proxectos que reforcen a identidade da Coruña como unha cidade inclusiva”.
Neste sentido, Inés Rey dou a noraboa a Aarón Rey García e Adrián Ordóñez Martínez, premiados na categoría de fotografía, e a Jorge Armesto Bouzas, Ismael Souto Botana e Marta Costa Amigo, os tres gañadores na categoría de artes plásticas nesta edición do certame. Os seus traballos serán expostos e formarán parte da exposición filatélica conmemorativa do 175º aniversario da fundación do Circo de Artesáns da Coruña, mostra que terá lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura Salvador de Madariaga entre os días 17 de novembro e o 8 de decembro.
A rexedora fixo extensible esta noraboa “a todas as persoas participantes no concurso, porque o verdadeiro premio deste certame vai máis alá das obras; é a posta en valor dunha contribución colectiva para facer da Coruña unha cidade accesible e inclusiva”.
Os convenios sociais a través da Fundación Emalcsa
Inés Rey subliñou, ademais, a importancia dos convenios financiados a través da Fundación Emalcsa, destinados a apoiar a múltiples entidades da cidade na promoción de iniciativas deportivas e culturais en favor da inclusión social. “O pasado día 27 de outubro asinamos dous convenios, por valor de 350.000 euros, que permitirán o desenvolvemento de 35 proxectos sociais e terán un beneficio directo en máis de 7.000 persoas, creando unha Coruña máis inclusiva e igualitaria. Son programas que, pola súa trascendencia social, teñen un impacto real en termos de futuro”, apuntou a alcaldesa.