Saturday 16 de November de 2024

O BNG solicita o arranxo das tapas de sumidoiro en Rodríguez Bautista


O goberno local desatende o mantemento de cuestións básicas para o benestar da poboación

Na estrada Miguel Rodríguez Bautista, en pleno centro urbano, as tapas de sumidoiros están provocando molestias debido ao mal estado no que se atopa o firme e a súa ancoraxe. As veciñas e veciños están cansos de ter que soportar o ruído que producen as tapas de sumidoiros que hai por toda a estrada polo que puxeron a situación en coñecemento do BNG que trasladará esta petición ao Concello de Ribeira para que se busque unha solución inmediata.

O portavoz do Bloque, Luís Pérez Barral, informa de que esa estrada ten moito tráfico “por ser unha principais vías de acceso ao centro urbano e tamén para moitas veciñas e veciños que se dirixen á Mámoa, Carreira, Aguiño, etc”. Moitas das tapas están mal encaixadas e o firme que as rodea está moi deteriorado, polo que cada vez que pasa un automóbil ou camión provoca un ruído constante e molesto para as veciñas e veciños que viven na zona, sobre todo pola noite.

A acumulación de tapas de sumidoiro no medio do firme tamén supón un serio risco para a seguridade viaria, sobre todo nos día de chuvia porque dificultan a adherencia das rodas de vehículos e motocicletas ao firme da estrada.

Pérez Barral cre que a inacción do goberno local por atender as demandas veciñais e a negativa a aumentar o mantemento provoca molestias na veciñanza. Ante esta situación o BNG vai solicitar que se realicen as tarefas oportunas de mantemento que eviten o ruído que producen as tapas de sumidoiro e pedirá que todas as tapas que se teñan que facer no firme das estradas contemplen as medidas oportunas para evitar que fagan ruído ou sexan un risco nos días de chuvia.