Saturday 23 de November de 2024

A Xunta achega 245.000 euros para mellorar o equipamento de 63 Centros de Información á Muller de Galicia


En concreto, os beneficiarios serán 60 concellos galegos e tres mancomunidades: as do Salnés, Comarca de Ordes e Terras de Celanova

O DOG publica hoxe a resolución das axudas e subvencións a entidades locais polas que se achegarán 245.000 euros para a mellora do equipamento de 63 Centros de Información á Muller (CIM). En concreto, os beneficiarios serán 60 concellos galegos e tres mancomunidades.

Por provincias, a que máis beneficiarios obtivo é a da Coruña cun total de 23 concellos: Curtis, Coirós, Cee, Ortigueira, Zas, Muxía, Padrón, As Pontes de García Rodríguez, Melide, Outes, Carballo, Boiro, Santa Comba, Laracha, Santiago de Compostela, Ribeira, Negreira, Arteixo, Noia, Culleredo, Muros, Ames e Ferrol.

Na provincia de Pontevedra obtiveron subvención vinte CIMs: A Lama, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Valga, Silleda, O Grove, Nigrán, Soutomaior, Baiona, Sanxenxo, Moaña, Marín, A Guarda, A Estrada, Redondela, Ponteareas, Poio, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vilanova de Arousa.

Pola súa banda, na provincia de Lugo houbo dez concellos beneficiarios destas axudas: Palas de Rei, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada, Sarria, Burela, Vilalba, Ribadeo, Viveiro e Quiroga; e en Ourense outros sete: Muíños, Avión, Verín, Pobra de Trives, Viana do Bolo, Maceda e O Barco de Valdeorras.

Ademais destes 60 concellos, tamén recibiron axuda as mancomunidades do Salnés, Comarca de Ordes e Terras de Celanova; e houbo dous concellos, Vigo e Lalín, que quedaron en reserva para recibir a súa correspondente axuda no caso de que algunha entidade non acepte a súa ou renuncie a ela.

Con esta achega a Xunta pretende consolidar e reforzar o labor dos CIM, para contribuír a que oferten servizos de calidade nun contorno adecuado e incidindo nunha mellora do equipamento informático, de oficina e mobiliario, que permita, ademais do traballo cotiá, o traballo en rede e a utilización de ferramentas TIC.

Cabe lembrar que o Goberno galego tamén colabora cos concellos que contan con CIMs, a través dunha axuda anual que achega máis de 3 millóns de euros para o seu mantemento e funcionamento. Os CIM garanten a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporciona asesoramento xurídico e psicolóxico; así como información sobre recursos específicos para vítimas da violencia de xénero e os seus fillo/as.