Friday 22 de November de 2024

Luz verde ás obras para solucionar as filtracións na sede da Fundación Luis Seoane, froito do acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica


A Xunta de Goberno aproba mañá o proxecto necesario para solucionar os problemas no edificio, cun investimento de case 800.000 euros

A Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña aprobará mañá o proxecto das obras para reparar o sistema de climatización e o illamento da sede da Fundación Luís Seoane, e solucionar así o problema de filtracións de auga que se estaban a producir no edificio. A primeira fase destes traballos estará financiada cun total de 795.000 euros, parte do acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica para a aprobación dos Orzamentos 2022.

O proxecto de obra que se aproba mañá actualiza o redactado en 2018, para ter en conta a situación actual do edificio, e corresponde á primeira fase dunha actuación máis ampla, que acometerá as reparacións máis urxentes. Os traballos sairán a licitación no primeiro trimestre de 2023, e a segunda fase deberá iniciarse no prazo máximo dun ano tras o remate da primeira.

Deste xeito, e como xa se comprometera o executivo municipal no último padroado da Fundación Luís Seoane, no mes de maio, sáldase unha conta pendente cun dos artistas galegos máis relevantes do século XX. A de Seoane foi unha figura central nas artes plásticas e na vida cultural, tanto no exilio derivado da súa loita contra o franquismo, como tras o seu regreso a Galicia. Protexer a súa memoria é unha obriga que o Concello da Coruña asume con responsabilidade e orgullo.

A Fundación Luis Seoane custodia o arquivo epistolar e documental do artista, doado pola súa viúva, María Elvira Fernández López (coñecida como Maruxa Seoane), ademais de 200 cadros ao óleo, toda a obra gráfica editada por Seoane e máis dun milleiro de bosquexos e primeiras edicións. Un valioso legado que quedará mellor protexido tras a execución destas obras de reparación.