Saturday 23 de November de 2024

Gala de clausura Elas Son Artistas coas actuacións de Yoly Saa, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño entre outras


Esta quinta edición clausurarase cunha gala conducida por Yolanda Castaño o 19 de novembro no Centro Ágora coas actuacións de Yoly Saa, Caamaño&Ameixeiras, Antía Muíño e Ángeles Dorrio e pintura en directo a cargo da artista plástica María Meijide

O día anterior, o ciclo chegará ao Concello de Sada coas actuacións de LaMontagne & PicoAmperio e Lúa Mosquetera & Pablo Seijas na Casa da Cultura Pintor Lloréns (20.00 horas)

E o 26 de novembro, como bis emocionante, terá lugar o concerto de MJ Pérez no Auditorio de A Senra (19.00 horas), no Concello de Bergondo

As entradas para a Gala de Clausura Elas Son Artistas xa están á venda en Ataquilla.com a un prezo de 10€ (+g.x.)

A quinta edición do Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, Elas Son Artistas chega á súa fin (ou case). Nesta nova andaina, Elas Son Artistas volveu levar a súa programación a nove concellos da área metropolitana da Coruña cunha programación moi diversa, destacando a volta das xiras internacionais e o regreso da música en directo ás salas de concertos como a Mardi Gras, o Garufa Club ou Jazz Filloa, e a outros recintos de máis aforo como o Teatro Colón.

Nun par de semanas, o sábado día 19 de novembro terá lugar a Gala de Clausura da quinta edición do ciclo Elas Son Artistas. Será no Centro Ágora de A Coruña ás 20.00 horas e co talento das artistas galegas como protagonista. Contará coas actuacións musicais de Yoly Saa, Caamaño&Ameixeiras, Antía Muíño e Ángeles Dorrio. A gala estará conducida pola poeta Yolanda Castaño, e haberá tamén pintura en directo a cargo da artista plástica María Meijide. As entradas están á venda en Ataquilla.com a un prezo de 10€ (+g.x.).

Ademais de Freedonia, nesta quinta edición edición de Elas Son Artistas gozamos de directos íntimos como os de Aida Saco, Leah Woods ou Leticia Rey, outros máxicos coma o de Ede ou o dos suecos The Riven e arrebatadores coma os dos canadenses Bywater Call ou a raíña do punk Ana Curra; deixando oco para o que aínda está vir. O día anterior ao acto de clausura, o 18 de novembro, o ciclo chegará ao Concello de Sada cos directos de LaMontagne & Pico Amperio e Lúa Mosquetera & Pablo Seijas, quenes estarán na na Casa da Cultura Pintor Lloréns (20.00 horas). Entrada libre ata completar aforo.

O vindeiro 26 de novembro, xa que todo evento artístico merece un bis emocionante, terá lugar o concerto de MJ Pérez no Auditorio de A Senra, no Concello de Bergondo (19.00 horas) Entrada libre ata completar aforo.

O evento do Centro Ágora vai ser unha gran celebración para ir finalizando esta quinta edición que consolida o Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, que neste ano acolleu 22 proposas artísticas, dando traballo a 50 artistas e un total de 122 persoas entre as que están enriba dos escearios, persoal técnico e de xestión.

ELAS SON ARTISTAS

Elas Son Artistas é moito máis que un festival ou un ciclo de espectáculos artísticos. É unha reivindicación pola igualdade, unha homenaxe á muller creadora, que como sempre, será en todo momento protagonista.

Un festival posible grazas ao apoio institucional dos concellos que participan do mesmo, pero tamén grazas á suma a nivel patrocinio de empresas privadas como Gadis e Caeiro e colaboradores como MIM – Mujeres de la Industria de la Música, AIE – Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España, Coca-Cola e a República Musical Mardi Gras. Finalmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia tamén colabora en aqueles espectáculos que se realizan en galego.

DATAS DOS EVENTOS:

– 18 de novembro – LaMontagne & PicoAmperio + Lúa Mosquetera & Pablo Seijas – Casa da Cultura Pintor Lloréns, Concello de Sada

– 19 de novembro – Gala Elas Son Artistas – Centro Ágora, Concello da Coruña na que actuarán Yoly Saa, Caamaño&Ameixeiras, Antía Muíño, Ángeles Dorrio e a artista plástica María Meijide. Unha gala conducida pola poeta Yolanda Castaño..

– 26 de novembro – MJ Pérez – Auditorio de A Senra, Concello de Bergondo.