Thursday 21 de November de 2024

Trenor informa que a Xunta financiará con máis de 2M€ máis de 40 cursos de formación para persoas desempregadas de Bergantiños-Costa da Morte


― Os concellos e os centros de formación profesional para o emprego poderán cualificar máis de 600 persoas na comarca de Bergantiños-Costa da Morte

― Priorízase a oferta de cursos en áreas con demanda de traballadoras e traballadores como a industria 4.0, as competencias dixitais ou a atención sociosanitaria

― Persoas en ERTE e/ou con discapacidade física, psíquica ou sensorial serán destinatarias preferentes da oferta formativa

― A Xunta de Galicia está a situar a cualificación profesional no centro da axenda política no marco da estratexia ‘Xempre Contigo’ que busca mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade do mercado laboral galego

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou, hoxe en que Xunta financiará con máis de 2 millóns de euros un total de 41 accións formativas (AFD) que se impartirán en 2022 e 2023 en concellos, centros ou entidades de formación da comarca de Bergantiños-Costa da Morte coa finalidade de mellorar a cualificación de máis de 600 persoas desempregadas. O representante do Goberno galego informou destes cursos nunha visita ao Centro de Formación El Ábaco que impartirá tres destes cursos no Concello de Zas.

O Goberno galego segue a apostar con esta medida pola formación flexible, coa teleformación e a aula virtual como modalidade de impartición.

Nos cursos son colectivos prioritarios as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.
A Xunta quixo primar na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e á oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación.

A formación, así, porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración, entre outras. Ofrécese como novidade, ademais, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

Desde o ano 2014 o Goberno galego leva financiadas por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte cerca de 67.000 persoas en Galicia. A media de inserción durante este tempo acadou o 60%, co que 6 de cada 10 persoas que participan nas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta obter un contrato no mercado laboral.

O programa, financiado con fondos finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, insírese no Plan galego de Formación para Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77% con respecto ao exercicio anterior.
‘Xempre Contigo’, para mellorar a empregabilidade

Este conxunto de actuacións atopan o seu encaixe cun dos obxectivos que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco da estratexia Xempre Contigo: mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade de galegas e galegos a través da cualificación profesional por medio dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral.

 

CONCELLO N.º CURSOS  AXUDA
CABANA DE BERGANTIÑOS 1                   77.852,40 €
CARBALLO 28               1.390.190,25 €
CEE 6                 287.147,55 €
VIMIANZO 3                 196.232,40 €
ZAS 3                 135.003,30 €
TOTAL 41               2.086.425,90 €