A Concellaría da Mobilidade da Pobra do Caramiñal continúa a realizar actuacións coas cales garanti-la accesibilidade universal na localidade. Agora, as obras concéntranse na proximidade do paseo dos Areos; concretamente, onda a escultura da Pescantina.
O edil Xabier Santos (BNG), acompañado da súa homóloga dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), explica que as obras consisten na eliminación dun pequeno carril de circulación entre as rúas Castelao e Anxo Rei Ballesteros para a ampliación da beirarrúa existente e a creación dun paso peonil elevado que conecta co paseo, para deixar toda esa zona a un mesmo nivel con pavimento de terrazo en relevo. O dito paso peonil contará tamén con iluminación vertical e horizontal.
Esta intervención suporá a supresión dun único estacionamento para incrementa-lo espazo de acceso á praza para persoas con mobilidade reducida.
Comporta un investimento de 30 739 euros, IVE incluído, con cargo ás arcas municipais. Está a ser executada por Excavaciones Nima e prevese que remate a finais de mes.