Friday 22 de November de 2024

Máis de 700 veciños e veciñas de Frades celebran a Festa de San Miguel


O bo tempo animou a centos de familias da comarca de Ordes a pasar o día na carballeira de San Nicolau

Máis de setecentas persoas, entre veciños e veciñas de Frades e visitantes chegados dos municipios veciños, participan hoxe na tradicional Festa de San Miguel, no privilexiado entorno da carballeira de San Nicolau (Frades). O bo tempo animou a centos de familias da comarca a achegarse a comer a esta carballeira, montando as súas propias tendas e traendo da casa non só a comida, senón tamén as mesas, as cadeiras, etc.

O churrasco e a empanada foron un ano máis os reis da xornada, seguidos pola tortilla e polo polbo á feira nunha carballeira da que non quedou nin un recuncho sen ocupar. O punto álxido da xornada tivo lugar pasadas as 14:30 horas, coincidindo coa saída en procesión do San Miguel polo entorno da capela. O grupo Pontevedra encargouse da sesión vermouth, que deu paso ao xantar. Unha vez rematado o xantar, os máis novos estaban a disfrutar de inchables mentres a charanga O Recobio (Teo) se encargaba da parte musical. A festa pecharase cunha verbena coa actuación dos grupos Bomba e Pontevedra, durante a cal se sorteará unha cesta de produtos ecolóxicos.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, exerceu de anfitrión dunha festa na que participaron José Manuel Rey Varela, xefe de Campaña do PP; Miguel Prado Patiño, deputado autonómico; e os alcaldes de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, e Touro, Ignacio Codesido, que participaron nun xantar organizado por Novas Xeracións e ao que acudiron máis de 250 persoas.