Friday 22 de November de 2024

Aberta a inscrición para tres andainas organizadas polo concello


Este domingo e o día 27 propóñense percorridos en Carballo e Oleiros para o público en xeral.

A andaina polo entorno do río Acheiro incluída no Outono Activo baixo a organización do Concello e que fora aprazada no seu momento polas condicións climatolóxicas adversas, foi reprogramada para este xoves.

Os participantes sairán en autobús desde a Praza Les Sables d’Olonne ás 10:00 horas e terán transporte de regreso ao rematar o percorrido de cinco quilómetros de distancia e dificultade moderada a carón do río, con inicio e fin no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.

A inscrición é gratuíta e debe formalizarse no Concello ou cubrindo en liña o formulario dispoñible na web municipal.

O programa Outono Activo vai dirixido a persoas maiores de 55 anos de idade e ten por obxectivo ofrecer a ese colectivo a oportunidade de realizar actividade física ao aire libre e descubrir lugares e paraxes de alto valor natural, paisaxístico e patrimonial pola riqueza etnográfica dos muíños de auga que se atoparán nos roteiros. Ademais desta andaina polo río Acheiro, xa se fixeran outras dúas bordeando o Bradoso e o Anllóns.

Andainas de Outono

Paralelamente, o Concello tamén ten en marcha outro programa de rutas, Andainas de Outono, pero neste caso dirixido a todos os públicos e con percorridos a realizar fóra do termo municipal da Laracha.
Tras realizarse a ruta polo río Sisalde (Arteixo) o pasado 23 de outubro, este domingo farase a Ruta das Férvedas en Carballo, con inicio na Férveda de Rus e fin na capela de San Paio tras un percorrido de once quilómetros e dificultade moderada.

A terceira e última andaina será pola costa de Dexo, en Oleiros, o domingo 27 de novembro. O punto de inicio está previsto en Seixo Branco e o remate, na igrexa de Santa María de Dexo. A distancia é de sete quilómetros e a dificultade é baixa.

En todos os casos o autobús partirá desde a praza Les Sables d’Olonne da Laracha ás 9:30 horas, mesmo lugar ao que regresará ao remate da actividade.

A participación vai dirixida a persoas de calquera idade empadroadas no termo municipal da Laracha. As inscricións son gratuítas e poden formalizarse tamén no Concello ou cubrindo en liña o formulario na web municipal.