Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño distribúe máis de 25.000 euros en axudas entre as entidades culturais e deportivas do municipio


Resolta a convocatoria de subvencións en concorrencia competitiva, que se vén sumar aos 41.500 euros en convenios nominativos suscritos ao longo deste ano con outros colectivos

 

O Concello de San Sadurniño notificoulles o pasado venres ás entidades socioculturais e deportivas a resolución coa distribución das subvencións municipais da convocatoria deste ano, que supón un montante total de 25.300 euros. A ela concorreron cinco colectivos veciñais e culturais e outros tantos de tipo deportivo, que percibirán as contías correspondentes segundo as fórmulas de valoración das solicitudes establecidas nas bases de cada liña. Unha vez notificadas as achegas, as asociacións e clubes teñen de prazo até o próximo 30 de decembro para presentaren a xustificación dos gastos efectuados.

Malia que as xustificacións teñen que presentarse antes do remate do ano, cabe a posibilidade de solicitarlle ao Concello a ampliación do prazo nun mes máis por causas debidamente xustificadas -que o Concello debe aceptar- naqueles casos en que aínda falten actividades ou investimentos por facer, como poden ser os relativos a programacións de Nadal ou doutro tipo.

A xustificación debe acompañarse das copias das facturas oficiais dos gastos efectuados (e TCs se se contratou persoal) e dos resgardos das transferencias correspondentes se os pagamentos superan os 100 euros. A suma de gastos debe ser, como mínimo, a da cantidade concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude da convocatoria.

Se se conta con outras axudas ademais da municipal -doutras administracións ou entidades privadas-, o importe para xustificar sairá de sumar todas as cantidades, incluída a subvención municipal, máis o 20% da axuda asignada nesta convocatoria. Cómpre ter moi presente que o importe conxunto de todas as subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o dos gastos efectuados.

Nin en Cultura nin en Deportes se admitirán facturas referidas a gastos de comida. Porén, os colectivos veciñais e culturais si que poderán xustificar ata o 25% do orzamento total admitido con gastos relacionados coa compra de materiais necesarios para as actividades que organicen. Os clubes poden achegar como xustificantes tanto os correspondentes á súa participación en campionatos deportivos como os de funcionamento.

Tamén se deberá achegar toda a documentación impresa xerada -carteis, anuncios en prensa ou en redes sociais…- que acredite a participación municipal no financiamento das actividades. Os modelos de xustificación poden descargarse das ligazóns que hai dispoñibles na web municipal www.sansadurnino.gal.

Este ano o Concello elaborou unhas bases que, como vén sendo habitual, foron debatidas no seo do Consello de Participación Veciñal, do que forman parte tanto os colectivos veciñais, culturais e deportivos, como representantes dos grupos políticos que, neste último caso, tamén integran a Comisión Cualificadora encargada de validar a distribución das axudas antes da súa aprobación en Xunta de Goberno Local.

Para a convocatoria en concorrencia competitiva de Cultura botaron solicitude cinco asociacións veciñais e culturais, ás que se lles consignaron un total de 15.300 euros con contías distribuídas segundo as fórmulas e criterios estipulados nas bases e de acordo cos orzamentos subvencionables presentados, sen superar en ningún caso o límite de 5.000 euros de axuda. As entidades con local en propiedade ou alugado dispoñen de 1.000 euros máis, que tamén deberán xustificar, para melloras de equipamento ou infraestrutura.

Para a convocatoria de Deportes tamén se recibiron cinco solicitudes, todas elas admitidas (igual que en Cultura), entre as que se distribuirán 10.000 euros primando aquelas disciplinas olímpicas cun maior número de fichas federativas.

A maiores da liña en concorrencia competitiva, cómpre ter en conta que o Concello tamén asinou ao longo deste ano convenios nominativos co CV Aldebarán, coa AGFA do Eume, coa Casa do Mel e coa Escola de Fútbol Irmandiños, que incrementan en 41.500 euros máis a cifra da colaboración municipal coas entidades que traballan no territorio.