Saturday 16 de November de 2024

A Xunta supervisa o resultado das obras de mellora no CEIP Alfredo Brañas da Laracha que contaron cun investimento de 220.000 euros


— O delegado da Xunta tamén supervisou o avance nas obras que se están executando para habilitar unha parcela anexa ao CEIP Ramón Otero Pedrayo

— Trenor resaltou que estas obras inclúense dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que busca adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 191 M€ nesta lexislatura.

— O Goberno galego ten en marcha nesta comarca 7 grandes actuacións en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano

— A maiores, realizáronse 15 obras de pequena ou mediana envergadura

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López e polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades, Indalecio Cabana, visitou esta mañá o CEIP de Alfredo Brañas para poñer en valor o importante investimento realizado neste centro no que se levaron a cabo obras cun investimento de case 220.000 euros de substitución de fiestras e SATE, ademais doutras actuacións menores.

O delegado da Xunta destacou que con esta actuación mellorouse a eficiencia enerxética do edificio e a confortabilidade do centro educativo para todos os usuarios.

Posteriormente, o delegado desprazouse ata o CEIP Ramón Otero Pedraio para supervisar as obras do peche perimetral que se están executando nunha parcela anexa ao centro educativo para habilitar unha zona de aparcamento para autobuses e coches particulares e un espazo de zona verde para complementar os servizos que se ofrecen para alumnos, equipo docente e familias neste colexio.

Na visita o representante do Goberno galego lembrou o desenvolvemento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a folla de ruta para a modernización dos centros educativos cun novo modelo de escolas poscovid. A día de hoxe, a Xunta de Galicia ten comprometidos con esta comarca 2,8 millóns de euros en grandes obras en 7 centros educativos desta área nos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Cee, Coristanco, A Laracha, Laxe e Ponteceso. Estas actuacións atópanse en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano

Nestas obras de gran envergadura a maior parte son rehabilitacións integrais e enerxéticas e melloras sectoriais, a través das que se mellora a eficiencia dos centros educativos (illamento térmico das fachadas, cambios de cubertas, cambio de fiestras, renovación de luminarias, etc).

No relativo ás obras de pequena e mediana envergadura realizáronse actuacións en 15 centros educativos de Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso e Vimianzo. Estas obras consistiron principalmente en reformas e adaptacións en diferentes zonas dos centros (como aseos e comedores), ampliacións de aulas, melloras de accesibilidade, actuacións nos peches dos recintos, así como traballos de modernización e para mellorar o confort de alumnos e profesores.

Así mesmo, o Goberno galego vai a confinanciar a construción dunha pista multideporte na escola unitaria da Pereiriña de Cee por una importe de máis de 63.000 euros.

Folla de ruta pioneira
Trenor lembrou que Galicia conta desde 2021 cun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co fin de adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 191 M€ nesta lexislatura.

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.