Friday 22 de November de 2024

A Coruña fai efectiva a súa candidatura para acoller a sede da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial


O Concello presentou a documentación para optar ao organismo estatal, logo da elección da Coruña por parte do Nodo GalicIA como a candidatura máis competitiva

Máis de 90 institucións, entidades e empresas achegaron cartas de apoio á candidatura da Coruña

A Coruña fixo efectiva esta mañá a súa candidatura para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). O Concello presentou a documentación para optar ao organismo estatal logo de que o Nodo GalicIA elexise a cidade como a mellor candidatura galega tras analizar os requisitos solicitados polo Goberno central.

A Coruña foi a cidade mellor valorada polo seu tecido académico, empresarial e polos seus servizos, ademais de cumprir cos criterios de descentralización aplicados polo estado e ser un referente nacional nas novas tecnoloxías. O Concello ofertou como sede o edificio histórico A Terraza, un inmoble de indubidable valor histórico e artístico que aspira agora a un novo uso.

Na Coruña e na súa contorna localízanse o 49,2 % das empresas galegas do sector e concéntrase case o 60 % do volume de negocio no sector privado galego vinculado ás novas tecnoloxías. Ademais é o municipio con máis empresas TIC de Galicia, o 25 % do total, con máis de 5.000 empregos xerados e máis de 100 empresas que xa incorporan a Intelixencia Artificial nos seus produtos e servizos. A Universidade da Coruña conta co Grao en Intelixencia Artificial e coa primeira facultade de informática de Galicia na que se forman máis da metade dos estudantes de Enxeñaría Informática da comunidade.

O Concello da Coruña acreditou na súa candidatura o cumprimento de cada un dos criterios a valorar por parte do Ministerio de Política Territorial: vertebración, equilibrio territorial e adecuación ao sector de actividade, adecuación ás necesidades da Axencia, infraestructuras e ecosistema económico da cidade, desenvolvemento da cidade en materia de Intelixencia Artificial e análise do impacto da axencia na cidade.

Máis de 90 institucións, entidades e empresas achegaron o seu apoio á candidatura da cidade co obxectivo de defender ante o Goberno central a elección da Coruña como sede da AESIA. Entre elas atópanse empresas referentes como INDITEX, ABANCA, Altia, Telefónica ou Microsoft Ibérica. A candidatura presentouse en sociedade a pasada semana nun acto institucional presidido pola alcaldesa, Inés Rey, e o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda ao que asistiron máis de 200 persoas entre os que estaban representantes do sector académico, científico e empresarial de toda Galicia.