O pleno municipal aprobará o próximo xoves os orzamentos municipais de Oleiros para o próximo ano, que estarán en vigor desde o 1 de xaneiro. Tal e como dixo o alcalde, Ángel García Seoane, trátase dun orzamento expansivo baseado na solidez económica, os servizos públicos eficientes e un investimento potente en equipamento e infraestruturas tanto sociais coma de mobilidade e espazo público.
En canto aos números, de 39,5 millóns de 2022 pásase a 41,5, de 2023, o que supón case un 5% de incremento. Deste montante, case 14 millóns e medio corresponden a investimentos reais, que se incrementan un 8,4% en relación a este ano.
Das obras públicas que figuran no orzamento destacan dúas intervencións: a senda fluvial ciclopeonil do Río de San Pedro, á que se destinan 2,6 millóns, e a primeira anualidade para o multiusos de Bastiagueiro, de 2,5 millóns de euros dos 11, que custará en tres anualidades.
En investimentos que roldan o cuarto de millón de euros están a intervención na contorna das antigas vivendas no parque das 13 Rosas, a reforma da rúa Mazaricos, así como a de Bolboretas e Salvador de Madariaga. Hai partidas variadas para intervencións en beirarrúas, rúas, camiños, redes de abastecemento, saneamento e pluviais, parques, campos de fútbol, cubertas de edificios, eficiencia enerxética e outras necesidades que se van detectando na gran infraestrutura pública ao longo do territorio.
Nomeadamente hai diñeiro para expropiar terreos para crear un aparcamento en Seixo Branco e para a senda peonil entre Naval e Canide. Tamén está incluída a mellora da rúa Subiña para conectar o novo campo de fútbol e a posta en valor do albergue xuvenil da edificación da Finca Tenreiro, en Nós.
Algunhas outras melloras previstas son a pista de skate de Bastiagueiro, o patio exterior do colexio A Rabadeira, a iluminación pública entre Lamastelle e As Pedreiras, novos postos de salvamento e socorrismo, o peche exterior do parque José Martí e a creación dunha aula de estudo na biblioteca Rialeda.