Estudantes da cidade e da súa contorna terán que traballar en equipo con robots que contan co sistema de programación estándar do sector
O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Educación, iniciou hoxe a duodécima edición do obradoiro e concurso galego de robótica, titulado ‘A maxia da robótica’, no que participan máis de 800 estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional da cidade e a súa área metropolitana.
O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, asistiu á primeira sesión, na que participaron estudantes do IES Monelos e IES Concepción Arenal, de Ferrol. Dos centros da cidade, tamén participan IES Monte das Moas, IES Menéndez Pidal, IES Urbano Lugrís, IES Agra do Orzán, IES Rafael Dieste e Colexio Plurilingüe Franciscanos.
O curso consistirá nun obradoiro de dúas horas co apoio de oito monitores e monitoras. O alumnado disporá de 15 robots Lego EV3, cun sistema de programación baseado en Labview, o estándar en control do sector. Tamén haberá unha fase de concurso, na que as persoas participantes poderán competir a través dunha serie de desafíos baseados no aprendido durante a xornada.
O obxectivo é que os mozos e mozas que participan aprendan os fundamentos da robótica traballando en grupos. Esta iniciativa precede á Semana Europea da Robótica, que se celebrará do 18 ao 27 de novembro.