Friday 22 de November de 2024

Alumnado do IES Espiñeira asiste a unha xornada de emprendemento no Coworking da Pobra


O Coworking da Pobra do Caramiñal ofreceu unha xornada de emprendemento a alumnado do IES Espiñeira, de Boiro, que cursa o ciclo superior de Administración e Finanzas.

Alí puideron coñece-las instalacións do espazo de traballo colaborativo e da Casa da Mocidade, ademais dos recursos que pon a Administración local ao dispor das persoas que desexen crea-la súa propia empresa.

Xunto con Fátima Rodríguez, encargada da asistencia técnica, compartiron experiencias e ideas de negocio, ademais de coñece-las vinculadas ao Coworking pobrense.

Dáselles así continuidade ás xornadas que organiza periodicamente a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), como, por exemplo, o campus de emprendemento con perspectiva de xénero que tivo lugar no mes de xuño.

Esta visita atópase adscrita ás Aulas de Emprendemento do IES Espiñeira a través dunha axuda da Xunta de Galicia dirixida aos centros educativos para estimula-lo espírito emprendedor entre o alumnado.

Creado en 2017, o Coworking da Pobra consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos de traballo e destinado preferentemente a persoas emprendedoras que desexen crea-la súa propia empresa, e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixido a persoas usuarias externas que non permanezan de xeito continuado no centro.

Ademais, en 2022 formalizouse a súa integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.