A Xunta de Galicia vén de adxudicar o proxecto para a creación dunha zona de tránsito para peóns co obxectivo de mellorar o núcleo de Montesalgueiro, no Concello de Aranga. A obra disporá dun investimento total de máis de 123.000 euros que serán executados en dúas anualidades (2022-2023).
A través do convenio de colaboración asinado, acometerase unha actuación urbanística para crear beirarrúas e, nun senso máis amplo, facer máis accesible a zona de Montesalgueiro. A construción será financiada conxuntamente por ambas administracións, cunha achega da Xunta do 70% e do 30% por parte do Goberno local.
Os traballos comezarán co acondicionamento dun treito paralelo á estrada Nacional VI, unha área con naves e dous establecementos hostaleiros situados dentro do solo rústico de protección de infraestruturas.
O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.
Grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.