Un simposio, un obradoiro familiar, unha saída ao campo, a exposición de cogomelos, a degustación gastronómica e a entrega dos premios do certame fotográfico integraron o groso das actividades na fin de semana como colofón ás VI Xornadas Micolóxicas postas en marcha pola Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), para contribuír a pór en valor e á divulgación dos fungos un outono máis.
A casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler alberga ata mediados do mes de novembro unha mostra composta por imaxes do concurso fotográfico de anteriores convocatorias, á cal se incorporaron as gañadoras desta edición.
A primeira distinción recaeu nunha fotografía da autoría de Sergio Pérez Boullón, a segunda foi parar a unha instantánea tomada por Tomás Rodríguez Novoa e a terceira adxudicouse a unha imaxe de José Luís Gigirey González.
As visitas pódense efectuar de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.