— O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na entrega de oito esparexedores de sal que representan un investimento global de case 37.500 euros
— A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego cos servizos de emerxencias municipais, aos que leva destinado 24 millóns de euros desde 2009
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na entrega de cadanseu esparexedor de sal aos concellos coruñeses de Boiro, Culleredo, Mazaricos, Ordes e Santa Comba, e aos ourensáns dos Blancos e da Mezquita, así como á Mancomunidade do Ribeiro. A Xunta investiu preto de 37.500 euros neste material de emerxencia para actuar no caso de nevadas nos municipios cunha altitude media superior aos 500 metros, segundo o establecido no Plan NEGA.
Segundo sinalou Diego Calvo, os esparexedores entregados son equipos acoplables a vehículos todoterreo, cunha capacidade de 362 litros e que dispoñen de tolva de polietileno e bastidor metálico con protección anticorrosión. A velocidade e a anchura de esparexemento é regulable.
A entrega, na que tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, forma parte das dotacións concedidas ao abeiro da orde de 2021 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Nelas tamén se inclúen 19 vehículos pick-up, seis remolques, 26 tendas de campaña para atención ás emerxencias e oito coitelas para a retirada de neve.
Neste marco de acción, ao abeiro da orde de 2022, dotada con máis de 1M€, vanse conceder oito vehículos todoterreo, oito remolques, 30 tendas de campaña, oito coitelas, 20 esparexedores, 13 embarcacións pneumáticas duns catro metros de eslora e 120 desfibriladores externos. Trátase dunha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e vai destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes. Cómpre sinalar que nos últimos anos a Xunta leva entregado equipamento específico para facerlle fronte ao risco de nevadas e xeadas por valor de case 600.000 euros.
Compromiso cos servizos de emerxencias locais
O vicepresidente segundo enmarcou estas convocatorias anuais no compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos, pese a tratarse dunha competencia municipal no caso das localidades de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación. Diego Calvo apuntou que este apoio se manterá nos orzamentos de 2023, nos que se destina novamente 1 millón de euros á dotación do equipamento necesario. Esta contía súmase ao investimento histórico de 24 millóns de euros desde 2009.
Entre o material cedido aos concellos neste período, tanto agrupacións de Protección Civil como GES, inclúense 208 vehículos todoterreo, 187 remolques de emerxencias, 123 tendas de campaña de emerxencias, 98 esparexedores de sal, 70 embarcacións, 65 furgóns de emerxencias e 23 de servizos varios, 34 equipos de excarceración, 43 coitelas quitaneves, 21 motobombas, 4 UTV e 212 equipos de protección individual contra a vespa velutina. No caso concreto das AVPC destacan 182 vehículos tipo pick-up e 170 remolques de emerxencias xunto con material específico para facer fronte ás emerxencias nos concellos de montaña onde son frecuentes nevaradas e nos costeiros ou con encoros.
O vicepresidente segundo incidiu na importancia de que os servizos de emerxencia conten co mellor equipamento para o desenvolvemento do seu labor a prol da prevención e da seguridade da cidadanía, así como da formación precisa para desenvolvelo. Así, referiuse ao apoio que tamén presta a Xunta neste sentido a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), centro de referencia para a formación neste eido.