Entradas á venda a partir de hoxe para a función, que terá lugar este venres ás 20:30 horas no salón de actos da casa da cultura
O ciclo municipal “Tempo para o Teatro” trae este venres a Neda o espectáculo “Tres vellas (polo menos)” de Producións Excéntricas. A función dará comezo ás 20:30 horas no salón de actos da Casa da
Cultura, e as entradas están dende hoxe á venda na Biblioteca ao prezo único de 2 euros, de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 20 h -ou ata completar aforo-.
O público poderá desfrutar dun espectáculo de palabras cruzadas con tres grandes da escea: Celso Fernández Sanmartín, José Luis Gutiérrez “Guti” e Quico Cadaval.
No repertorio dos tres, hai moitos contos que foron contados por vellas, a quen llos contaron outras vellas. Unha progresión xeométrica de vellas. Nunca se coñeceron as vellas de Guti, Quico ou Celso, mais poderían manter unha conversa entre si á luz do carburo ou sobre o hule das cociñas aldeás. Moitas veces, as sesións de contos son sesións de espiritismo, e as vellas aparecen na axuda do narrador que se perdeu nun chiste, ou nun comentario de actualidade, e faino voltar ao rego do relato. As vellas que depositan neles ensalmos, historias e receitas, pediron e lograron un lugar na escena, por iso este espectáculo mutante preséntase como Tres vellas (polo menos).
Neste exclusivo show, só para os gostos mais requintados, manifestaranse as olladas profundas, as mans encalecidas de todas as labouras e o afiado sentido do gosto das vellas, e chegará un momento no que o auditorio sentirá o recendo dos honestos guisados do pasado. E ao rematar, os espectadores, coa boca encharcada, sairán a soñar co prato fumegante da memoria.