O importe das axudas consignadas pola Concellaría de Deporte para o 2022 acada os 236.000 euros, converténdose no máis alto da historia
O goberno municipal vén de aprobar as subvencións anuais destinadas a apoiar a actividade que desenvolven as entidades deportivas do noso concello, que volven a incrementarse para dar resposta ás necesidades dun movemento asociativo amplo, variado e tremendamente dinámico.
Os 236.000 euros consignados con esa finalidade pola Concellaría de Deporte convértense na cifra máis alta da historia, triplicando o importe das axudas aprobadas hai dez anos, pero o máis importante é que esa cantidade permite financiar 27 proxectos deportivos impulsados por 18 entidades do noso concello.
O groso corresponde aos 144.000 euros das tres liñas de axudas que convoca anualmente o Concello de Carballo para contribuír, por unha banda, ao financiamento da organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España; por outra, á organización de eventos deportivos e actividades extraordinarias, e, finalmente, ao financiamento dos proxectos de actividades xeral das entidades. Esta terceira liña acapara a maior parte das subvencións, e este ano máis ca nunca, xa que a partida destinada a esta finalidade increméntase un 50% con respecto á convocatoria anterior á pandemia.
Estas tres liñas de subvencións en concorrencia permitirán financiar neste 2022 un total de 21 proxectos deportivos presentados por 16 entidades que traballan na promoción dende a base de todo tipo de deportes: natación, salvamento e socorrismo, voleibol, baloncesto, ciclismo, xadrez, hóckey a patíns, balonmán, fútbol, judo e karate.
A maiores, a Concellaría de Deporte apoia con subvencións nominativas seis proxectos específicos presentados por outras tantas entidades, que percibirán un total de 92.000 euros.
Para o goberno municipal de Carballo, o asociacionismo deportivo é un piar básico para acadar un sistema deportivo máis participativo, amplo e diversificado. De aí que cada ano veñamos reforzando o apoio ás entidades, facilitando así o desenvolvemento dunha actividade que converte o noso concello nun exemplo de pulo deportivo dende a base.
E ese apoio non só se materializa a través das subvencións, senón tamén da cesión gratuíta de instalacións. O Concello de Carballo bonifica o 100% do valor económico no que están cuantificadas as horas de uso das instalacións deportivas municipais, e que acada o medio millón de euros.
En total, grazas a esta inxección de 736.000 euros, dende o Concello de Carballo estamos a facilitar a 24 entidades deportivas do noso concello o desenvolvemento da súa actividade.