A Biblioteca Rego da Balsa será o escenario dos “Xoves de cine”, que arrincan esta semana con “Malencolía”
Despois de O gran camiño, A virxe roxa, A poeta analfabeta, Welcome to ma maison e Cuñados, o Ciclo Mestre Mateo continúa achegando a Carballo o mellor cinema galego, e para os últimos meses do ano tennos reservados tres novas películas finalistas dos prestixiosos Premios Mestre Mateo.
A Biblioteca Rego da Balsa será escenario dos Xoves de cine, que inclúe as seguintes propostas:
10 de novembro / Malencolía
Dirixida por Alfonso Zarauza e producida por Maruxiña Film Company, a película obtivo 11 candidaturas finalistas aos XX Mestre Mateo, resultando premiados polos seus traballos os intérpretes Iolanda Muíños e Diego Anido.
Sinopse: Sira e Pepe, tras 10 anos vivindo en Berlín, deciden dar un novo rumbo á súa vida regresando a Galicia. Con ese obxectivo, mercarán unha casa nunha aldea que consideran abandonada. Chegados á aldea descobren con sorpresa que teñen unha peculiar veciña chamada Isolina.
17 de novembro / Tres
Película dirixida por Juanjo Giménez e producida por Tres La Película Friga Nadir AIE, Frida Films, M-Films e Manny Films, que tivo 6 candidaturas aos Premios Mestre Mateo. Está protagonizada por Marta Nieto, Miki Esparbé, Francisco Reyes, Luisa Merelas, Cristina Iglesias, Fran Lareu, Julius Cotter e Carmen Méndez.
Sinopse: C. (39) é deseñadora de son. Goza co seu traballo. Pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, mesturando. O estudo é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as avariadas relacións que mantén coa súa ex parella, coa súa anciá nai e cos seus compañeiros de traballo. Aínda que ela non o sabe, C. esta comezando a desincronizarse. Coma se fose unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde que as imaxes.
1 de decembro / Jacinto
Javi Camino dirixiu esta película, producida por Vizuals Lab, que obtivo 11 nominacións aos Premios Mestre Mateo. No reparto, Pedro Brandariz, Ánxela Baltar, Corinna Rautenberg, Miro Magariños, Pilar Miguélez, Juanma Buiturón e o finado Pedro Brandariz, que obtivo por esta cinta o premio á mellor interpretación masculina.
Sinopse: Jacinto é un adulto coa mentalidade dun neno. Vive en Mallou, unha sombría aldea abandonada entre as montañas, cos seus pais e o seu porco Martiño. A morte da súa mascota e a chegada de dúas novas veciñas estranxeiras porá o seu mundo patas arriba. Jacinto sospeita que as veciñas son vampiras que planean rematar coa súa familia para controlar a aldea. Para impedilo, porá en práctica todo o aprendido vendo pelis de terror.
Todas as proxeccións comezarán ás 20.00 horas. A entrada é libre e de balde.
Carballo é un dos 19 concellos galegos, e o único concello da Costa da Morte, incluídos no circuíto de proxeccións do ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta co apoio das catro deputacións provinciais e da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia para facilitar o acceso da veciñanza do noso concello e tamén de toda a contorna ao cinema galego máis actual, poñendo en valor deste xeito o talento creativo do sector audiovisual, favorecendo o achegamento á nosa cultura e ao noso idioma a través do cine e contribuíndo á diversificación da oferta cultural.