O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asiste na RAG á sesión extraordinaria na que o escritor pronunciou o discurso ‘Nomes de persoa na toponimia de Lalín’
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu hoxe na Coruña á sesión plenaria extraordinaria celebrada na sede da Real Academia Galega na que Gonzalo Navaza pronunciou o discurso de ingreso Nomes de persoa na toponimia de Lalín.
Tras o remate do acto, o responsable autonómico de Cultura trasladou as felicitacións da Xunta de Galicia ao filólogo e escritor lalinense Gonzalo Navaza, que ingresa na institución como novo membro de número para ocupar a vacante do historiador Xosé Ramón Barreiro, falecido en marzo do pasado ano.
O escritor e tradutor Gonzalo Navaza é un destacado especialista en toponimia, profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e colaborador do Instituto de Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica desde o ano 2012.