Friday 22 de November de 2024

Feijóo pon en valor a colaboración das entidades financeiras para non só conseguir paliar o efecto dos desafiuzamentos, senón evitar que se produzan


Este banco, ao igual que fixeron antes Abanca e a Caixa Rural Galega, garante que ningunha execución hipotecaria que dependa del rematará no desaloxo dunha familia da súa vivenda habitual

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor a colaboración das entidades financeiras coa Xunta á hora de protexer o dereito constitucional de todos os cidadáns a unha vivenda. Grazas a esta colaboración, pódese conseguir non só paliar os efectos dos desafiuzamentos senón evitar que se produzan.

Así o destacou o presidente do Goberno galego tras presidir, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, a sinatura do convenio de colaboración en materia de vivenda social entre a Xunta e o Banco Sabadell Gallego. Este acordo implica a cesión por parte da entidade financeira de 20 das súas vivendas baleiras para destinalas, mediante alugueiros sociais a familias desafiuzadas por non poder pagar a hipoteca ou a renda do alugueiro ou afectadas por outra situación de emerxencia que os prive dun lugar para vivir.

Ademais, do mesmo xeito que Abanca e a Caixa Rural Galega nos convenios asinados en xullo, o Banco Sabadell Gallego garante que ningunha execución hipotecaria que depende desta entidade rematará no desaloxo dunha familia da súa vivenda habitual.

O titular da Xunta amosouse satisfeito polo feito de que a Administración autonómica e as entidades financeiras sexan quen de abrir o camiño definitivo que levará, engadindo novos esforzos e vontades, á total desaparición dun drama social acentuado pola crise.

Garantir o dereito á vivenda
A pesar das severas restricións orzamentarias, o Goberno galego ten destinado máis de 278 millóns de euros á política de vivenda e traballa con intensidade desde o ano 2009 para garantirlles a todos os cidadáns o dereito a un fogar. As prioridades destas políticas reorientáronse cara ás persoas con dificultades para afrontar o pago da súa hipoteca ou alugueiro. Así, hoxe Galicia está entre as autonomías que menos desafiuzamentos rexistran.

Ademais do programa de realoxos, que permite atender o 100% dos que se ven nesa situación e piden axuda cumprindo uns requisitos básicos, o Goberno autonómico habilitou os mecanismos para que as familias en situación de emerxencia social puidesen ser adxudicatarias directas dunha vivenda nun prazo máximo de dous meses. Do mesmo xeito, Feijóo fixo fincapé en que a Xunta aposta tamén pola prevención, a través do programa Reconduce, co obxectivo de prestar asesoramento e mediación con carácter previo ao desafiuzamento.

Grazas aos acordos asinados coa Sareb, con Abanca, coa Caixa Rural Galega e, agora, co Sabadell Gallego, a Xunta dispón de 240 vivendas máis para destinalas a persoas que perderon a súa vivenda ou que, por diferentes motivos, non teñen capacidade para acceder a unha.

Alugueiro social e censo de vivendas baleiras
Recentemente, a Xunta convocou por primeira vez as axudas do Bono de Alugueiro Social, destinadas de forma específica a aquelas familias que afrontan o risco de seren desafiuzadas por non poder afrontar o pago da renda. Trátase dunha axuda urxente de 150 euros ao mes durante dous anos e á que se engaden outros 450 euros que se conceden nun único pago co obxectivo de axudar a pagar as débedas pendentes ou asumir os gastos propios da formalización dun novo contrato de alugueiro.

Así mesmo, o Goberno galego continúa ultimando o Censo de Vivendas Baleiras, que ten por finalidade sacar á luz as dimensións exactas do parque de inmobles desocupados que teñen as entidades financeiras na nosa Comunidade e, a partir de aí, buscar fórmulas de acordo para a súa utilización a favor das necesidades sociais e as políticas públicas.

Feijóo agradeceulle o esforzo ás entidades bancarias que asinaron este acordo, que teñen como obxectivo axudar as “familias que teñen dificultades pola recesión económica, que en termos económicos finalizou, pero cuxos seus efectos e cicatrices aínda persisten”