Friday 22 de November de 2024

Comeza a quinta edición do programa “Sementando Participación” no que cinco colexios da cidade achegarán ideas para mellorar a cidade


Máis de mil nenos e nenas tomaron parte nesta iniciativa que reforza o compromiso do Concello coa participación infantil

O Concello da Coruña, a través da Fundación Educo, pon en marcha a quinta edición do programa “Sementando Participación” que congregará a máis de 300 alumnos e alumnas da Coruña xunto co seu profesorado. O proxecto, que comeza o próximo luns 7 de novembro, é unha iniciativa que busca achegar ás aulas o coñecemento dos dereitos da infancia con especial atención ao dereito á participación, fomentando a súa capacidade crítica e pensamento críticos.

Neste curso os centros que participarán no programa son o CEIP San Pedro de Visma, CEIP Eusebio da Garda, CPR Fogar de Santa Margarida, CPR Esclavas e CPR Calasancias. Nestes cinco anos de “Sementando Participación” máis de 1.000 nenas e nenos achegaron propostas para a mellora da súa cidade a través da presentación de distintas iniciativas nos eidos do ocio, o coidado do medio ambiente, a educación ou o apoio aos colectivos máis vulnerables.

A través do traballo nas aulas propíciase o coñecemento das distintas competencias das administracións públicas, así como a mellora das habilidades de liderado e organización entre o alumnado. Ao final do percorrido formativo, as nenas e nenos estarán en disposición de articular propostas de mellora para as súas contornas. Estas propostas serán trasladadas á alcaldesa e ao seu equipo de goberno no acto final desta 5ª edición. Educo é unha ONG global de infancia, con máis de 25 anos de experiencia, que actúa a favor da infancia e en defensa dos seus dereitos, en especial o dereito a unha educación equitativa e de calidade. Traballa con nenas, nenos e a súa contorna para promover sociedades máis xustas e equitativas que garantan os seus dereitos e benestar.

“Sementando Participación” forma parte do abano de medidas postas en marcha e respaldadas polo Goberno de Inés Rey na procura de incrementar a participación das persoas na xestión pública.