Friday 22 de November de 2024

A india Matma Sagar e a galega Verónica Martínez, protagonistas este luns do ciclo Poetas Di(n)versos


As poetisas ofrecerán un recital poético gratuíto ás 20.00 horas no centro Ágora

O ciclo, consolidado como a única cita estable que acolle poetas internacionais, permitirá coñecer este trimestre a obra poética de Suecia, India e Portugal

A portuguesa Filipa Leal e a galega Nuria Vil serán as seguintes convidadas no ciclo

O ciclo Poetas Di(n)versos retoma a súa actividade e presentará este próximo luns, 7 de novembro, unha mostra do mellor da poesía da India e Galicia, coa presenza no centro Ágora de Matma Sagar e Verónica Martínez Delgado.

Matma Sagar é unha poetisa, académica e activista india que escribe en lingua canaresa. O seu traballo afonda especialmente na política de identidade, no feminismo e en cuestións relacionadas coa diversidade lingüística e cultural.

O feminismo e a denuncia da violencia contra as mulleres é tamén unha parte da temática de Verónica Martínez Delgado, natural da localidade de Valdoviño. Polifacética, licenciada en Historia da Arte, galerista, docente, foi gañadora en varias ocasións do premio de poesía Fernández del Riego.

Con elas dúas retómase a coidada programación poética do concello da Coruña. O ciclo Poetas Di(n)versos reúne mes a mes unha voz en galego xunto con outra do resto do mundo e está consolidado coma a única cita estable que acolle poetas internacionais de xeito regular en toda España.

Fundado e coordinado pola tamén poetisa e xestora cultural Yolanda Castaño, o ciclo Poetas Di(n)versos presenta algunhas das máis interesantes poéticas mundiais ao carón de autores e autoras en galego, permanecendo atento a novas correntes e amosando toda a diversidade lírica que se escribe hoxe no mundo. Chegan, neste outono, desde Suecia, a India e Portugal.

En concreto, o recital aberto e gratuíto deste luns xuntará as voces de dúas poéticas atravesadas por unha marcada perspectiva de xénero chegadas desde Ferrolterra e o sur da India para tratar corpo e dignidade, alteridade e integración.

A seguinte cita será o luns 12 de decembro, con Filipa Leal e Nuria Vil: honestidade e carácter sempre están presentes na voz puxante e rebelde desta viguesa e na dunha das poetisas portuguesas máis consagradas da súa xeración. O pasado mes de outubro foron a sueca Ida Börjel e o galego Pablo Otero os protagonistas do ciclo.