Saturday 16 de November de 2024

O pleno aproba por unanimidade acceder ao Fondo de Cooperación do IGVS para financiar a reforma da Casa Reitoral de Montemaior


Na sesión tamén foi aprobada a bonificación no ICIO a unha iniciativa particular relacionada coa conservación dun ben de interese cultural.

Na sesión extraordinario do Pleno celebrada hoxe acordouse, por unanimidade dos tres grupos, aprobar a solicitude de acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio para o proxecto de reforma da casa reitoral de Montemaior. Deste xeito o Concello solicitará, con cargo a ese programa impulsado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, un préstamo sen xuros a devolver nun período de oito anos.

O propósito da intervención, deseñada polo goberno municipal e valorada en 712.808,10 euros é restaurar, recuperar e ofrecerlle novos usos de interese xeral comunitario á histórica edificación situada no Igrexario de Montemaior e que está incluída no catálogo de patrimonio municipal. O proxecto transformaría a casa reitoral para convertela nunha instalación multifuncional.

O alcalde, José Manuel López Varela, explicou en primeiro lugar que o Concello alcanzou un “acordo co Arcebispado para a cesión da reitoral polo período de tempo máximo posible”.

Afondando no proxecto de restauración, o rexedor detallou que a instalación terá catro usos diferenciados. Por unha parte, crearase un “centro de referencia municipal para a organización de actividades relacionadas co medio rural e o medio ambiente”, principalmente agrícolas e gandeiras. Tamén conformará un novo espazo para a veciñanza de Montemaior no que realizar actividades de tipo social e cultural. A terceira función será de albergue xuvenil con vinte e cinco prazas, permitindo reforzar a participación do Concello en programas de intercambio e voluntariado nacionais e internacionais. E, como cuarta función, os locais anexos ao edificio principal serán acondicionados para habilitar o arquivo parroquial e aseos públicos.

Para López Varela a reitoral de Montemaior “é unha das mellores edificacións do municipio”, aínda que no momento actual se atope “en estado de deterioro e sen uso”. O proxecto impulsado polo Concello permitirá restaurala e transformala nunha instalación moderna e funcional.

A unanimidade repetiuse na aprobación da declaración de especial interese ou utilidade municipal á obra de rehabilitación, por iniciativa privada, dunha edificación no lugar de As Torres de Cillobre (parroquia de Torás). De acordo ao establecido na ordenanza fiscal número 17, reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), o promotor beneficiarase dunha bonificación do 50 % nese tributo municipal ao tratarse dunha obra de reparación ou conservación de inmobles declarados de interese cultural ou incluídos no catálogo municipal como de protección urbanística. En cifras concretas, o aforro por ese concepto alcanza os 2.607 euros.