— O primeiro premio foi para Vórtice Escénico coa obra ‘Asfixia’, e para a Asociación Palimoco Teatro, de Lugo, con ‘E se todo se reducise ao amor’
— O segundo posto tamén foi compartido entre o coruñés Javier Castiñeira, por ‘Brazaletes’, e o grupo do ponteareán Jacobo Mo, coa peza ‘Só se aplaude ao final’
A Xunta celebrou os pasados 29, 30 e 31 de outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela a fase final da modalidade de teatro do programa Xuventude Crea 2022. O Goberno galego galardoou as mellores pezas teatrais nesta cita que contou coa participación de seis obras.
Tanto o primeiro premio como o segundo foron compartidos. Os gañadores foron Vórtice Escénico, representado pola viguesa Ana Fernández Sánchez, coa obra Asfixia; e a Asociación Palimoco Teatro, de Lugo, con E se todo se reducise ao amor. Mentres Asfixia reivindica o inconformismo e o ser diferente sen importar o que pensen os demais, a peza E se todo se reducise ao amor é unha interpretación centrada nas obras do autor Federico García Lorca.
No segundo posto quedaron o coruñés Javier Castiñeira, por Brazaletes, e o grupo de Jacobo Mo, de Ponteareas, coa peza Só se aplaude ao final. Por unha banda, a obra de teatro Brazaletes centra o seu argumento no mundo do fútbol e a política, e pola outra, Só se aplaude ao final mestura a danza, a acrobacia e o teatro físico para tratar a autoconsciencia.
Os gañadores recibirán unha gratificación repartida de 3000 euros e 1500 os segundos clasificados. Así mesmo, na fase final desta especialidade do Xuventude Crea tamén participaron a viguesa Ara García con Carta a Nigures e Pachotada Teatro, da Coruña, con Agullas: a Princesa Mocosa.
Máis de 4000 premiados
Desde que fai trece anos tivo lugar a primeira convocatoria do Xuventude Crea, xa son máis de 4000 os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos premiados e preto de 3000 os proxectos creativos e obras presentadas a este certame. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Compre destacar, ademais, que todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal
As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.