Friday 22 de November de 2024

Alumnos de dez centros educativos da cidade participarán na terceira edición do proxecto ‘Talentos inclusivos’


A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia deste programa promovido polo CITIC e a asociación Aspace co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por parálise cerebral

A sala Leonardo da Vinci, na Domus, acolleu o acto de presentación desta nova edición, que implica a escolares da cidade no desenvolvemento de proxectos TIC orientados a dar solucións no eido da diversidade funcional

A presentación da terceira edición do proxecto ‘Talentos inclusivos’ tivo lugar esta mañá na Domus. O proxecto é unha iniciativa promovida polo Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a asociación Aspace Coruña, que conta coa colaboración do Concello da Coruña e o apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, a Fundación para a Tecnoloxía e a
Tecnoloxía da Ciencia (FECYT) e a Consellería de Educación. A alcaldesa, Inés Rey; Manuel González Penedo, director do CITIC; Inma Aguilar, directora da FECYT; María del Carmen Barreiro, presidenta de Aspace Coruña; Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, explicaron hoxe os detalles das actividades previstas.

Inés Rey puxo en valor a continuidade deste programa, que colabora cos centros educativos públicos da cidade co obxectivo de achegar a formación científica ao alumnado, fomentando as vocacións TIC entre as rapazas e rapaces, e introducindo ás futuras xeracións en proxectos colaborativos orientados a visibilizar a diversidade funcional. Nas dúas edicións previas, preto de 300 alumnos pertencentes a once centros educativos da cidade tomaron parte nos proxectos e actividades plantexadas.

Así, ao longo deste curso escolar, as rapazas e rapaces que tomarán parte na terceira edición de ‘Talentos inclusivos’ traballarán en proxectos orientados á resolución de retos para o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas que melloren a calidade de vida das persoas afectadas por parálise cerebral.

Son as persoas usuarias de Aspace Coruña as que propoñen estes retos, atendendo ás necesidades prioritarias que eles detectan, para ser solucionados por parte do alumnado.
Nesta ocasión, os escolares coruñeses deberán atopar unha solución TIC para desenvolver un xeolocalizador de prazas de discapacidade no termo municipal, a adaptación dun guiador en impresión 3-D para persoas con hemiparesia, un soprador de velas adaptado e un botón adaptado para o prendido-apagado dun ordenador.

A rexedora destacou a importancia de apostar polas novas tecnoloxías na súa vertente máis humana, e fíxoo poñendo en contexto a presentación do proxecto para que A Coruña, como candidata de Galicia, acolla a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), presentación que tivo lugar este xoves no Palexco. “Falamos do futuro das tecnoloxías TIC para poñelas ao servizo das persoas. Podemos buscar unha sociedade tecnoloxicamente avanzada, pero ten que ir acompañada de principios como a igualdade de oportunidades. Non hai sociedade que avance se vai deixando a xente atrás”, resolveu a alcaldesa.

Inés Rey subliñou, ademais “a importancia de escoitar ao tecido asociativo da cidade, por ser un fío fundamental para conectar coas necesidades da veciñanza” e tamén a de “traballar en equipo de forma interxeracional, valorando á mocidade e aos profesionais da comunidade educativa pola súa capacidade para aportar coñecementos que melloren a nosa sociedade”.

Por outra banda, a rexedora subliñou o compromiso do Goberno municipal para colaborar, “na transferencia de coñecemento” co obxectivo de achegar á cidadanía o proxecto ‘Talentos inclusivos’, así como para garantir que as ideas e proxectos das rapazas e a rapaces participantes “cheguen desde os centros educativos ao terceiro sector”.