Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño adxudicará en breve as obras de mellora da pista entre A Camba e o límite con Moeche


O proxecto está orzamentado en 169.281 euros e preténdese que a súa execución sexa simultánea coa prevista no lado de Moeche, co obxectivo de reparar dunha tacada todo este eixo viario de algo máis de 4 quilómetros.

 

O Concello de San Sadurniño acaba de pechar o prazo de recepción de ofertas para participar na licitación pública das obras de mellora do firme da pista que vai desde A Camba, en Ferreira, até Vigo, no límite con Moeche. Trátase dun proxecto orzamentado en 169.281 euros que abranguerá algo máis de 2 quilómetros de distancia nos que se botará unha nova capa de aglomerado, ademais de darlle un ancho uniforme de 5,2 metros, os mesmos que levará no tramo modestino comprendido entre Vigo e a Ponte do Sur. De feito, San Sadurniño e Moeche coordináronse para que ambos concursos coincidisen no tempo o máximo posible, co obxectivo de que a principal comunicación polo sur entre ambos municipios se poida executar simultaneamente e coas mesmas características técnicas.

Nun principio ambos consistorios tiñan previsto suscribir un convenio nominativo coa Deputación da Coruña para que o ente provincial sufragase o 80% da reparación de toda a estrada, que mide 4,07 quilómetros. O trazado repártese case metade por metade entre os dous concellos, quen finalmente decidiron incluír cadanseu proxecto para a reparación integral da vía dentro do Plan Adicional 02/2022, de maneira que a achega lles cubrirá o 100% dos custes.

O lado de San Sadurniño, que arranca no lugar da Camba e chega ao lugar de Vigo, son exactamente 2.140 metros cun ancho que varía entre os 3,5 e os 4,5 metros, mentres que en Moeche o largo medio é xa moi similar aos 5,2 metros que levará toda a pista unha vez estea rematada.

A diferenza de anchos é o principal motivo de que o prezo da licitación sexa sensiblemente superior ao da que ten aberta o Concello veciño neste momento (113.600 euros), xa que no caso do trazado que discorre no noso territorio polas parroquias de Ferreira e Lamas será necesario extender maior superficie aglomerada e, ademais, tamén requirirá máis investimento na limpeza das gabias, na instalación de tubos de drenaxe soterrados nalgúns puntos e na construción de novas bases para colectores nos lugares en que se vexan afectadas polo ancheado do camiño.

En calquera caso, o obxectivo final do proxecto -de ambos proxectos- é dotar dun firme máis resistente e seguro o principal eixo de comunicación polo sur entre os dous municipios, que se completará co pintado de sinalización horizontal e a colocación de sinais verticais en varios lugares.

San Sadurniño aprobou acoller o proxecto A Camba-límite con Moeche ao Plan Adicional 02/2022 no pleno ordinario do pasado mes de setembro. Con cargo á achega provincial extraordinaria, próxima aos 354.000 euros, tamén se financiará o aglomerado e creación dunha senda peonil desde o Chao de San Cristovo até a Chabola, en Ferreira, cun importe de licitación de 86.300 euros. As dúas actuacións, cuxo prazo de presentación de ofertas rematou esta mesma semana, serán avaliadas pola Mesa de Contratación, previsiblemente, o martes da semana que vén.