Expertos en saúde reflexionan na cidade herculina sobre os avances en técnicas cirúrxicas e transplantes
A cidade reforza a súa posición como destino MICE
A Coruña acolle hoxe e mañá a IX Reunión de Estado da Arte en Insuficiencia Cardíaca Avanzada, un congreso que se celebra no Paraninfo da Universidade da Coruña e que reúne na cidade herculina a especialistas en saúde de distintos países. Os expertos reflexionan neste encontro sobre os avances no coñecemento científico na insuficiencia cardíaca (IC) avanzada e debaten sobre aspectos organizativos no ámbito sanitario. As técnicas cirúrxicas, o manexo de candidatos potenciais e receptores dun transplante cardíaco (TC), a cirurxía cardíaca complexa, o soporte circulatorio mecánico ou os tratamentos con fármacos son outros dos temas desta edición do congreso, que conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos.
A cidade, con infraestruturas e capacidade para a organización de grandes eventos, reforza a súa posición como destino de congresos, conocido como destino MICE (reunións, incentivos, convencións e exposición, segundo as iniciais en inglés). Trátase dun sector estratéxico que contribúe ao desenvolvemento económico e social da urbe herculina.
Ademais, A Coruña é referente no ámbito sanitario, destacando precisamente en áreas como Cardioloxía. O Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) sitúase entre osvmellores hospitais de España neste campo.
No congreso sanitario inaugurado hoxe na cidade participan expertos galegos que destacan nesta área da medicina, doutras comunidades autónomas e doutros países, como Frank Ruschitzka (Suíza), Wilfried Mullens (Bélxica), Mandeep R. Mehra (Estados Unidos), Jelena Celutkiene e Theresa McDonach (Reino Unido), Enrico Ammirati (Italia), Ulrich Jorde (Alemania), Carolyn Lam (Singapur) ou Guilleume Lebreton (Francia).
Enxeñería hospitalaria
Por outra parte, na área de Saúde, A Coruña será sede en outubro de 2023 do 40º Congreso Nacional da Asociación Española de Enxeñería Hospitalaria, un foro no que enxeñeiros e enxeñeiras punteiros no ámbito sanitario analizarán os avances e tendencias neste campo. A edición anterior deste congreso celebrouse na Cidade das Artes de Valencia.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.