Terán lugar esta fin de semana coas actuacións da orquestra Zeltia, Sementes da Arte e Ritmo Galego. Este ano o alcalde de Ordes será o encargado de realizar o pregón
O barrio ordense do Piñeiro celebrará esta vindeira fin de semana as súas festas na honra de San Francisco de Asís. Xa o venres pola noite os bares e establecementos da zona convidarán a touciño entrefebrado a toda a clientela.
A xornada do sábado arrancará coa música e o pasacalle dos Viqueiras. Ás 13 horas haberá misa solemne no Campo da Festa, seguida ás 14 horas do pregón ofrecido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. As actuacións de Sementes da Arte e da orquestra Zeltia animarán a sesión vermú, e esta volverá subir ao escenario pola noite, acompañada nesta ocasión do grupo local Ritmo Galego.