Este domingo 6 de novembro, en horario de 10.00 a 15.00 horas, celébrase a XXXIII edición da Feira do Mel baixo a cuberta da pista polideportiva de Perillo, na avenida da II República. Un total de 36 apicultores galegos virán a Oleiros a expoñer e vender os seus produtos.
As persoas que se acheguen a esta feira poderán coñecer e adquirir todo tipo de alimentos e artigos relacionados co mel, desde os máis tradicionais ata produtos de beleza e coidado corporal. Ademais, o grupo Semente Nova e a Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros (ás 12:00 horas) amenizará a xornada coa súa música.
Con esta feira, única en toda Galicia, o Concello de Oleiros pretende apoiar a un sector produtivo que sofre a constante ameaza da globalización, dos novos costumes alimentarios e nos últimos anos tamén da avespa velutina.