Friday 22 de November de 2024

Os Concellos de Frades e Ordes adquiren unha rozadoira para tarefas ambientais ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental


O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, anunciou que a Xunta porá en marcha en 2023 unha nova liña de axudas de 2,6 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética das entidades locais

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitaron esta mañá Frades para coñeceren a nova maquinaria adquirida conxuntamente polos Concellos de Frades e Ordes ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. Foron recibidos polos alcaldes de Frades, Roberto Rey Martínez, e Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, acompañados dos seus respectivos concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa e José Manuel Rodríguez Méndez, respectivamente.

Frades e Ordes recibiron unha axuda de 35.700 euros da Xunta de Galicia para o servizo de protección do medio ambiente e do espazo natural que comparten ambos os dous municipios. Unha achega que permitirá cofinanciar os gastos de funcionamento anuais deste servizo e á adquisición dunha rozadoira lateral, presentada hoxe. Non é a primeira achega que recibe este servizo posto en marcha por ambos os dous municipios, xa que o ano pasado a Xunta reforzara o seu equipamento cun vehículo todoterreo híbrido con distintivo ECO.

A nova rozadoira lateral, subministrada por Fariña Maquinaria SL, ten sesenta cabalos de potencia e conta cunha transmisión indirecta para que sexa máis segura á hora de traballar. Conta cunha garantía de 4 anos e para maior comodidade e seguridade do condutor á hora de rozar, leva o brazo adiantado uns centímetros para ter mellor visibilidade.

Ambos os dous alcaldes agradeceron a colaboración da Xunta de Galicia e puxeron en valor o traballo de roza e mellora das pistas municipais que se acometen ao longo de todo o ano, debido á gran cantidade de quilómetros de pistas de responsabilidade local que, no caso de Frades, supera os seiscentos. Finalmente, o vicepresidente segundo aproveitou tamén para asinar no Libro de Honra do Concello de Frades.

Cooperación entre concellos

Esta colaboración realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, co que o Goberno galego apoia o funcionamento de servizos municipais relacionados coa protección do medio e do que manterá en 2023 o orzamento de 11,3 millóns de euros. Nos últimos anos, o investimento neste Fondo superou os 116 millóns de euros en actuacións nas entidades locais coas que contribuír á restauración ambiental e a acadar concellos máis sustentables.

A través desta liña subvenciónanse accións como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais ou a utilización de enerxías renovables. Ademais, apóiase os concellos na conservación da biodiversidade e a protección do espazo natural, con campañas divulgativas e plans ambientais ou a adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética, ademais de na dotación de medios.

Diego Calvo puxo en valor o exemplo de Ordes e Frades na cooperación entre municipios en servizos comúns que permiten evitar duplicidades e aforrar custos. Ademais, varios proxectos da Mancomunidade da comarca de Ordes, á que pertencen os dous concellos, foron recoñecidos en distintas edicións dos Premios Coopera. Tanto en iniciativas conxuntas con outras entidades locais como de forma individual, a Xunta leva investidos máis de 1,1 millóns de euros no municipio de Ordes e outros 810.798 euros no de Frades destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza con actuacións nas infraestruturas e servizos municipais.

Liña de axudas

Diego Calvo aproveitou tamén a súa visita a Frades para anunciar que a Xunta reforzará en 2023 o compromiso coa sustentabilidade das entidades locais cunha nova liña de axudas dotada con 2,6 millóns de euros para actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais cofinanciadas con fondos FEDER. Deste xeito, mellorarase a eficiencia e o aforro enerxético reducindo o impacto ambiental e as emisións de dióxido de carbono dos inmobles e infraestruturas municipais.