Saturday 23 de November de 2024

O concello da Laracha, presente no Congreso Internacional de Bandeira Azul


Estase a celebrar en Las Palmas de Gran Canaria.

O tenente alcalde e edil de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, está a representar ao Concello da Laracha no Congreso Internacional de Bandeira Azul que celebra nesta semana en Las Palmas de Gran Canaria.

O evento é organizado pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), entidade responsable en España dos programas internacionais da Foundation for Environmental Education (FEE), entre os que destacan a Bandeira Azul, Sendeiro Azul e Centro Azul de educación ambiental.

O Congreso Internacional de Bandeira Azul realízase co obxectivo de desenvolver un novo concepto para praias no que a sostenibilidade, a saúde e a seguridade se convertan en realidades confluíntes que avancen no compromiso por un futuro de calidade ambiental e persoal. A presenza da Laracha permitirá abrir posibilidades de intercambio de información con representantes internacionais, nacionais e municipais, así como con técnicos e profesionais dos servizos con responsabilidades en praias nos ámbitos da lexislación, educación, atención á diversidade, seguridade, emerxencias e socorrismo.

Nas tres xornadas do congreso o representante municipal, José Ramón Martínez Barbeito, está a asistir a ponencias sobre diversas temáticas, mesas de traballo especialmente relacionadas coas boas prácticas e obradoiros con contidos en torno aos criterios da Bandeira Azul.