Friday 22 de November de 2024

30 persoas participan en San Sadurniño nos obradoiros de memoria activa organizados polo Concello en colaboración con AFAL-Ferrolterra


O consistorio aínda mantén aberta a posibilidade de anotarse na actividade, para a que haberá que chamar ao 981 490 027 ou ao 673 903 922

O cerebro, igual que calquera outra parte do corpo, tamén se pode manter en boa forma. Os hábitos saudables que axudan son unha alimentación equilibrada, a interacción social e a práctica regular de actividades e exercicios moi sinxelos que non só melloran o seu funcionamento, senón que tamén preveñen ou retrasan a aparición do deterioramento cognitivo, no que se engloban múltiples procesos, entre eles o Alzhéimer. Co obxectivo de favorecer que as persoas maiores teñan a cabeza ben esperta durante moitos anos, o Concello volveu poñer en marcha os obradoiros de memoria activa con sesións en Lamas, Igrexafeita, Naraío e Santa Mariña do Monte. Neles participan 30 persoas e malia que a actividade xa arrancou, quen queira aínda pode apuntarse no grupo da súa parroquia. Para iso só hai que chamar ao Concello -981 490 027- ou contactar coa Educadora familiar no 673 903 922 ou en pilar.calvo@sansadurnino.gal. Este ano, como novidade, a actividade ofrécese coa colaboración de AFAL-Ferrolterra, que é unha entidade especializada precisamente na detección e abordaxe dos procesos de deterioramento cognitivo e no apoio tanto ás persoas que os sofren como ás súas familias.

De impartir os obradoiros encárgase a educadora Paula Calderón, que estes días estivo traballando cos distintos grupos arredor do samaín e outras tradicións desta época. A través de fichas con pictogramas e outros elementos visuais, Calderón propúxolles exercicios moi sinxelos que se complementaron con xogos de palabras, crucigramas e outras actividades, centradas na asociación de conceptos e no recordo. “Traballamos a atención, números, crebacabezas, palabras… do que se trata nestes obradoiros é de activar a mente con exercicios adaptados ao nivel de cada persoa”, comentaba onte á tarde na sesión de Santa Mariña do Monte.

A finalidade principal dos encontros, dirixidos a persoas de 55 anos en diante, é crear un espazo lúdico que fomente as relacións sociais en contraposición coa soidade, un factor que pode desencadear ou acentuar o deterioramento cognitivo, pero tamén lanzar pequenos retos que obriguen ao cerebro a traballar, aínda que sexa de maneira suave.

Así, cunha estimulación regular da función cerebral conséguese potenciar a reserva cognitiva, que define tanto o conxunto de aprendizaxes e habilidades gardadas na nosa cabeza como a capacidade do cerebro para compensar as perdas que se van producindo naturalmente co avance da idade ou por causa dalgunha enfermidade neurodexenerativa. Simplificando: se exercitamos o cerebro podemos deter ou ralentizar a perda de reserva cognitiva e, en consecuencia, conservar durante máis tempo a nosa autonomía e alongar a nosa calidade de vida.

Neste sentido, as actividades que se fan nos obradoiros de memoria activa “serven para previr, pero tamén para detectar procesos de deterioramento”, apunta Paula Calderón. Os exercicios que se fan non entrañan demasiada dificultade e por iso a educadora presta especial atención a como os resolven as persoas participantes. Segundo comenta a especialista, “no caso de que vexamos algún indicio de deterioramento xa se farían probas de avaliación cognitiva máis específicas” de cara a identificar a raíz do problema.

30 persoas participantes e posibilidade de inscribirse nos obradoiros
Os obradoiros de memoria activa comezaron hai uns días con grupos formados en Lamas (os luns e venres de 16:00 a 17:00h), Naraío (os luns de 17:15 a 18:15h e os martes de 16 a 17:00h), Igrexafeita (martes de 17:15 a 18:15 e xoves de 17:00 a 18:00h) e en Santa Mariña do Monte, onde as actividades se desenvolven os mércores de 16:00 a 17:00h e os venres de 17:15 a 18:15h.

En cada lugar xúntanse entre 6 e 10 persoas ata alcanzar as 30 participantes neste arranque de curso. Desde o departamento de Servizos Sociais recordan que as persoas interesadas aínda están a tempo de anotarse no grupo que mellor lles cadre, chamando para iso ao 981 490 027, ao 673 903 922 ou mandando un correo a pilar.calvo@sansadurnino.gal.

As sesións semanais merecen moito a pena, tal e como nos aseguraron onte en Santa Mariña do Monte. Marina Prieto, unha das participantes no grupo desa parroquia, explicaba que durante a tarde estiveran facendo “algún crucigrama e identificando figuras, exercicios moi sinxelos. Ademais reunímonos, rompemos a rutina e pasámolo ben ao mesmo tempo”.

Outra das asistentes ao obradoiro, Esther López, destaca precisamente o feito de “estar entretidas” durante os encontros e despois tamén na casa facendo fichas e outros exercicios que levan como “deberes”, aínda que para Carmen González, outra das participantes, “na casa temos pouca gana de facer estas cousas”.

Algo parecido comentou Manuela Rodríguez, que cualifica as sesións como “unha marabilla, de momento” aínda que ela se mostre máis devota de investir o seu lecer nunha boa partida de cartas. “Somos moi afeccionadas á baralla e iso tamén nos quita moito tempo. Ata imos facer un campionato”, avanzaba esta muller que tamén forma parte do movemento veciñal de Santa Mariña.

Pola súa banda, Paula Calderón apuntou deseguido que a baralla e outros xogos “tamén manteñen a mente moi activa”. A educadora de AFAL-Ferrolterra incidiu, ademais, en que todas as actividades que exerciten o cerebro “son de grande utilidade para persoas de calquera idade”.