Friday 22 de November de 2024

BNG aposta pola recuperación de espazos ambientais na Barbanza nos Orzamentos do Estado


Implantación do servizo ferroviario, como medio de transporte sustentábel, e a recuperación ambiental dos espazos naturais serán piares fundamentais na negociación das emendas presentadas ao Orzamentos do Estado para 2023

O Bloque Nacionalista Galego presenta as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para a comarca da Barbanza focalizando a súa actuación na recuperación ambiental de espazos naturais. Así mesmo, a organización nacionalista a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, defenderá a implantación na comarca dun servizo de transporte ferroviario que permita conectar os catro municipios coas principais cidades do País.

“Nunha zona moi próxima ao casco urbano de Rianxo, degradada pola erosión do mar e a perda de terreo, atópanse os acantilados Tanxil-Pedra Vixía-Tronco” explica Rego unha das emendas presentadas para a súa recuperación. De facto, segundo lembra o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, este proxecto chegou a incluírse nos Orzamentos do Estado de 2007 mais, finalmente, o executivo estatal non o executou. “É máis necesario que nunca recuperar os acantilados e acometer estas obras” reclama.

Paralelamente, a organización nacionalista propón recuperar o borde litoral da Ribeiriña, no municipio da Pobra do Caramiñal. Un espazo que transcorre polo chamado Camiño Real até a fronteira co concello de Boiro moi deteriorado na actualidade “mais cun grande valor social e paisaxístico, con acceso a calas moi concorridas pola cidadanía”.

“Rexistramos unha emenda para a rexeneración ambiental da praia dos Areos no Concello da Pobra do Caramiñal xa que é a única praia urbana do municipio, moi frecuentada pola veciñanza e polo visitantes da vila” anuncia a tenente de alcalde da Pobra do Caramiñal e portavoz municipal do BNG, Amparo Cerecedo. Unha parte xa se encontra en proceso de recuperación na actualidade, mais é necesaria “unha segunda fase que permita finalizar a súa rexeneración total”.

Así mesmo, rexistra un novo proxecto para a recuperación da praia da Corna, localizada entre os concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira, que posúe un grande valor paisaxístico e natural, cunha flora e unha fauna que necesitan da súa recuperación ante a degradación que presenta a día de hoxe.

Servizo de transporte ferroviario para A Barbanza

A frente nacionalista, ademais, presenta un proxecto para estudar a conexión ferroviaria na comarca da Barbanza. “É necesario realizar un estudo técnico para a implantación dunha conexión ferroviaria que conecte a comarca coas principais cidades, dando unha alternativa de transporte público, sustentábel e áxil” explica o deputado. Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Ribeira e responsábel comarcal, Luís Pérez Barral, sinala que esta comarca non dispón, na actualidade, dunha conexión ferroviaria que facilite unha mobilidade alternativa a pesar de que, entre os catro concellos -Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo-, ten máis de 66 mil posíbeis persoas usuarias e a estación máis próxima é a de Padrón, a máis de corenta quilómetros.

“O desenvolvemento do tren lixeiro, de cercanías ou unha liña de ferrocarril axudaría a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ao mesmo tempo que facilitaría que moitas persoas, que por motivos laborais ou de estudo teñen que desprazarse fóra da comarca, manteñan as súas vivendas na área grazas a ter unha boa rede de transporte público” finda o deputado nacionalista na cámara baixa.