Saturday 23 de November de 2024

Galician horror story, das Izquierdo Sisters, abre este venres o ciclo Novembro, mes do humor do Concello de Fene


Coincidindo coa inauguración da exposición e a entrega dos Premios Curuxa 2022, comeza este venres no Museo do Humor Xaquín Marín o ciclo de monólogos

“Novembro, mes do Humor”. Nesta primeira función, prevista para as 20.00 horas, subirán ao escenario Marita Martínez e Lucía Veiga, as Izquierdo Sisters, cunha proposta escénica hilarante pero terrorífica á vez, “Galician horror story”. A entrada ao espectáculo, dirixido a público adulto, será de balde até completar o aforo (100 localidades).

Galician Horror Story é un espectáculo de improvisación conducido polas Irmáns Izquierdo, “dúas mulleres moi inquietantes, hipnóticas e decimonónicas, que contactarán, coa axuda do público, con todo o que haxa que contactar, a fin de amosar e desvelar os máis profundos misterios da Galicia máis negra e lutuosa: crimes, asasinatos, espíritos, lendas urbanas e escuros segredos. O público gozará de varios exercicios de improvisación dos que xurdirán historias únicas e irrepetibles, cargadas de humor e crítica, libres de tabús e baseadas nas aportacións in situ dos presentes”.

IZQUIERDO SISTERS
Marita Martínez. Ademais dos dez anos de experiencia que leva como improvisadora ás súas costas, conta cun amplo recorrido en teatro amateur e universitario (Teatro da Bufarda e LaTuerka Teatro), así como oito montaxes de teatro profesional con Espello Cóncavo e Teatro Galileo, e varias participacións no audiovisual galego (Mareas Vivas, Pequeno Hotel, Os Atlánticos, Cuarto sen ascensor, Os Mariachi e Malo Será!) Lucía Veiga. Comezou no mundo da cultura tradicional (Xacarandaina, Quique Peón Cía…), sendo improvisadora desde 2012, actriz de teatro amateur e universitario en diversas montaxes (Balteira Teatro, LaTuerka Teatro e Axóuxere Teatro), e tamén actriz no sector audiovisual (Galicia Crime, Oeste, Vivir sin permiso, Os Mariachi, Malo será!, Malicia e Rapa) e publicitario. Ademais, exerceu como presentadora na gala dos XIX Premios Mestre Mateo 2021 e na xira de comedia Comicamente.

Logo desta primeira función do “Novembro, mes do humor”, o ciclo organizado polo Museo do Humor Xaquín Marín continuará o venres 11 de novembro, ás 20 horas, con María da Pontragha, e o espectáculo Coa palabra na boca.

Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).