Saturday 16 de November de 2024

Alternativa convoca unha concentración no Porto de Sorrizo este sábado


Alternativa dos Veciños de Arteixo convoca unha concentración no Porto de Sorrizo este sábado día 5 de novembro, ás 12:00 horas, para esixirlle ao Goberno municipal que cumpra co acordado coa veciñanza e, que procedan dunha vez por todas a arranxar o tramo de estrada que enlaza o Porto de Sorrizo coa Rúa das Lobas en Chamín, e tamén a adecentar o camiño forestal que enlaza a Rúa das Lobas coa Rúa Punta Alta, para así minimizar os problemas ocasionados pola peonalización do tramo de estrada que enlaza o Porto de Sorrizo coa Praia do Reiro.

Alternativa dos Veciños leva máis dun ano, dende que o Goberno municipal tomara a decisión de converter en peonil o tramo de estrada que enlaza o Porto de Sorrizo coa Praia do Reiro, demandándolle solucións e alternativas ao equipo de goberno, para así minimizar os problemas ocasionados a veciñanza pola peonalización.

“Logo da decisión tomada por parte do Goberno Municipal en converter en peonil o tramo de estrada que enlaza o Porto de Sorrizo e a Praia do Reiro, desde Alternativa dos Veciños, contando co apoio e coa colaboración da gran maioría da veciñanza afectada, decidimos esixir solucións ao equipo de goberno. O Goberno Municipal, atendendo á presión veciñal, decidiu convocar unha reunión no Centro Social de A Lagoa, onde se comprometeron coa veciñanza a levar a cabo unhas actuacións para minimizar os problemas ocasionados pola peonalización, mentres tanto non se buscaba unha solución definitiva para o tramo convertido en peonil. Pois ben, desde a citada reunión xa pasou máis dun ano e todo segue igual. En conclusión, un engano máis deste goberno para non variar” apunta Noelia Martínez, Portavoz de Alternativa en Arteixo.

“Tendo en conta que se aproximan as eleccións municipais e, como xa é de costume no PP de Arteixo, agora chéganlle as présas e as ganas de realizar actuacións, onde mesmo se lles ocorre desenvolver lagos artificiais polo municipio, cando nin tan sequera son capaces de manter e coidar o noso patrimonio natural. E é por iso, que como están nese punto que tiran a casa pola xanela, desde Alternativa dos Veciños imos aproveitar para volver solicitar esas actuacións prometidas que nunca chegaron” matiza Noelia Martínez.