Alternativa dos Veciños de Sada aplaude a nova liña que dará servizo aos veciños de Soñeiro, O Castro e Samoedo, pero lembra, que, a día de hoxe, a parroquia de Mosteirón non ten ningún servizo de transporte público a pesar de ter dous importantes centros educativos.
Alternativa dos Veciños Sada congratúlase de que a Consellería de Mobilidade dera o visto bo a nova liña de transporte público que entra en funcionamento este mércores e que cubrirá un servizo moi necesario para os cidadáns das parroquias de Soñeiro e Osedo, máis lembra que na parroquia de Mosteirón e inmediacións existen dous importantes centros educativos coma os do Colexio O Mosteiron ou ASPACE cuxo persoal, ao igual que os veciños e veciñas da parroquia, non dispoñen de ningún tipo de transporte público desde tempos inmemoriais. Unha situación que se agrava nas festas da parroquia, das máis populosas da zona, e que ao non dispor dunha mobilidade segura, este ano saldáronse con moitas incidencias incluído un falecemento en accidente de tráfico.