O goberno do Partido Popular volve organizar neste ano 2022 o xantar do maior, unha gran comida na que se van gastar máis de 55.000€ nun único día.
O BNG vén de facer público un comunicado no que declara estar a favor da celebración da xuntanza para as persoas maiores, especialmente agora despois dos anos máis duros da pandemia. “Os maiores teñen o dereito de reencontrarse e desfrutar en convivencia todos xuntos pero cremos que ese festexo podería cun gasto máis comedido sen restarlle calidade, tal e como se fai noutros concellos” apuntan.
Os nacionalistas recriminan “o uso partidista da celebración” por parte do goberno local porque “se organiza un xantar con cartos públicos para ofrecer intervencións políticas de membros do Partido Popular”.
Desde a formación nacionalista recórdanlle a Ruiz Rivas que só conta con 9 dos 21 edís da Corporación Municipal polo que debería consensuar cos grupos políticos gastos tan elevados para un único día. Ademais lamentan a hipocrisía do PP que pretende aproveitar de maneira partidista o xantar do maior cun gasto de 55.000 euros mentres desde o goberno local aplican tarifazos como o recibo do saneamento, non resolven os problemas de transporte público, destinan só 5.000 euros ás asociacións de maiores ou defenden os recortes de persoal aplicados na Sanidade pública que tanto prexudican ás persoas maiores.
O BNG lanza a proposta de reformular o xantar do maior facéndoo máis económico pero de igual calidade e para que as persoas participantes poidan desfrutar do día. Ademais, propoñen despolitizar a festa do maior evitando as intervencións políticas facendo que sexan persoas representativas do colectivo de maiores as verdadeiras protagonistas facendo que se encarguen de facer as intervencións de apertura do festexo.