Aínda quedan prazas en Ardaña e Entrecruces
Algo máis de 130 persoas participan nos obradoiros de memoria que se levan a cabo en distintas parroquias do concello dentro do programa de envellecemento activo impulsado dende as concellarías de Benestar e Terceira Idade. Hoxe arrincou o curso en Verdillo, con 18 participantes, e ata alí achegáronse as concelleiras Maica Ures e Maruxa Suárez e o presidente de Afaber, entidade contratada para impartir os talleres.
Jesús Villar animou ás persoas que asisten aos cursos a aproveitar as ferramentas que se lles ofrecen para estimular a mente e retardar o avance dalgunhas das patoloxías máis comúns na terceira idade. A concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, engadiu que tan importante como coidar a saúde física con programas como o de ximnasia para maiores que promove o Concello de Carballo é coidar a saúde mental mantendo a nosa actividade o maior tempo posible e mellorando a nosa calidade de vida.
Tras a posta en marcha dos talleres de memoria en Carballo, Sofán e Verdillo, mañá arrincará outro en Ardaña e o venres dous máis en Sísamo e Razo. A semana que vén sumaranse Noicela-Rebordelos e Lema. En todos eles supérase o máximo de prazas previstas e mesmo hai listaxe de agarda agás en Ardaña, onde aínda poderían incorporarse máis persoas. Tamén está pendente a organización doutro curso na zona de Entrecruces-Rus sempre que exista un mínimo de participantes. As persoas interesadas deben poñerse en contacto con Afaber nos teléfonos 981 758 545 – 625 980 691. O prazo estará aberto ata o martes 8. Á marxe do lugar de celebración, calquera dos obradoiros está aberto a veciños e veciñas de todo o concello.
Para facilitar a participación da veciñanza de todo o concello, agrupamos as parroquias por proximidade. Estes son os horarios de cada grupo:
Lema-Vilela: centro social de Lema, os martes de 11.15 a 12.15 horas.
Noicela-Rebordelos: centro social de Imende, os martes de 10.00 a 11.00 horas.
Razo-Oza: centro social de Razo, os venres de 11.30 a 12.30 horas.
Sofán-Aldemunde: centro social de Sofán, os mércores de 10.00 a 11.00 horas.
Verdillo-Bértoa: centro social de Verdillo, os mércores de 11.15 a 12.15 horas.
Sísamo-Cances-Goiáns: centro social de Sísamo, os venres de 10.00 a 11.00 horas.
Ardaña-Artes: centro social de Ardaña, os xoves de 10.00 a 11.00 horas (aínda hai prazas).
Rus-Entrecruces: centro social de Entrecruces (pendente da creación de grupo).
Carballo: Pazo da Cultura, os luns de 11.30 a 12.30 horas.
A única condición para poñer en marcha os obradoiros é que haxa un mínimo de 10 inscricións. Con esta iniciativa, que se prolongará ata o mes de maio do 2023, o Concello de Carballo pretende contribuír a que os nosos veciños e veciñas poidan permanecer activos durante máis tempo na sociedade. No noso concello hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos.