Friday 22 de November de 2024

O concello pretende converter a reitoral de Montemaior nun punto de encontro para veciños, albergue xuvenil e centro de referencia para o sector primario


Este asunto foi sometido hoxe a ditame pola Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas e será elevado ao Pleno extraordinario deste venres.

A casa reitoral da parroquia de Montemaior é un edificio histórico situado no Igrexario desa parroquia e incluído no catálogo de patrimonio do Concello. Desde hai tempo xa non é utilizada como residencia temporal do párroco, e tampouco é empregada para outras actividades debido ao seu estado de conservación.

Co propósito de restaurar, recuperar a edificación e ofrecerlle novos usos de interese xeral comunitario, o Concello pretende desenvolver un completo proxecto dirixido a converter a casa reitoral de Montemaior nun punto de encontro para os veciños, nun albergue xuvenil e nun centro de referencia para o sector primario, xa non so para a parroquia, tamén para o conxunto do termo municipal da Laracha.

Ademais de funcionar como albergue xuvenil, o que permitiría reforzar a participación do Concello en programas de intercambio e voluntariado nacionais e internacionais, a instalación contaría co equipamento e espazos necesarios para albergar actividades de interese xeral para a veciñanza e acoller diversidade de iniciativas relacionadas, principalmente, coa agricultura en particular e a posta en valor do sector primario en xeral.

O proxecto está valorado nun total de 712.808,10 euros, que o goberno local propón financiar a través do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes impulsado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, consistente nun préstamo sen xuros a devolver nun período de oito anos.

Precisamente hoxe celebrouse unha reunión da Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas na que foi sometida a ditame a aprobación de dita solicitude, asunto que será elevado ao Pleno extraordinario que se celebrará o venres.